Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 6/7/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG recorrerá un novo despedimento no Parque de Bombeiros do Morrazo e presentará unha denuncia por acoso

A central nacionalista sostén que a decisión da empresa é un caso claro de represión sindical, como o foi a revocación do delegado
A CIG recorrerá xudicialmente o novo despedimento dun bombeiro do Parque Comarcal do Morrazo ao entender que se trata unha vez máis dun claro caso de represión sindical. CeltaPrix, a empresa encargada da xestión do Parque, comunicou a rescisión do contrato días despois de que a Inspección de Traballo incoase un expediente administrativo á empresa ao constatar graves ilegalidades e irregularidades no que respecta ao cumprimento do convenio e as condicións de traballo. A compañía vén sancionando de forma reiterada dende 2009 tanto os delegados como os empregados máis activos na reivindicación dun convenio colectivo digno.
Celta Prix.

O traballador despedido nesta ocasión é irmán de outro que fora despedido anteriormente e que fora declarado improcedente polo Xulgado. Pero a compañía decidiu recorrer a sentenza diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza e négase a readmitilo.

Dende a CIG alertan tamén que o próximo en perder o seu posto de traballo podería ser o delegado de persoal, cuxo cargo vén de ser revocado pola empresa. O sindicato nacionalista anunciou que recorrerá a decisión diante dos tribunais, de igual xeito que o fará co despedimento ao entender que se trata dun caso de represión sindical. Indican que a comunicación do despedimento chegou días despois de que Inspección de Traballo presentase o expediente sancionador contra a compañía polos reiterados incumprimentos do convenio colectivo e das condicións de traballo. Ao mesmo tempo, presentarán unha denuncia contra a empresa por acoso laboral ao traballador despedido.

Neste senso, aseguran que “non imos consentir este tipo de actitudes” e anuncian que nos vindeiros días fixarán un novo calendario de mobilizacións que incluirá concentración de protesta diante do Consorcio, Concello de Cangas e Deputación de Pontevedra. Sinalan precisamente o presidente do Consorcio e vicepresidente da Deputación, José Enrique Sotelo, como “corresponsábel do que está a pasar porque non fai nada para normalizar a situación”.

Están convencidos de que CeltaPrix pretende desfacerse dos traballadores máis reivindicativos de cara á próxima negociación do convenio colectivo dos parques de bombeiros do Morrazo, Salnés e Porriño. De igual xeito, censuran que a Deputación vaia “premiar” á compañía coa xestión dos servizos de emerxencias do futuro Consorcio provincial de Pontevedra. “Están a reprimir aos compañeiros máis combativos para forzar unha negociación máis favorábel”, aseguran.

cig.prensa@galizacig.com