A representación das/os traballadoras/es escolleu este martes, 6 de xullo, para desenvolver a concentración, xa que hoxe se cumpren dous meses dende que a Xunta decidise aprobar o expediente de regulación presentado por Sykes Enterprises, permitindo o despedimento de 68 persoas, que se viñeron sumaron aos máis de cen despedidos/as en marzo e que provocaron 62 despedimentos hai unhas semanas.
A presidenta do Comité, Dina Lema, urxiu á Xunta para que dea unha resposta favorábel ao recurso de alzada presentado contra a aprobación do ERE, e denunciou a pasividade amosada polo goberno galego diante do proceso de desmantelamento do centro de traballo de Sykes en A Coruña. Lema explicou tamén que, amparándose na resolución do ERE, a empresa está a empeorar a situación na plataforma sometendo a constantes presións ao persoal e ignorando ao Comité como representante legal dos traballadores/as. “O que fai esta empresa non é normal, non nos da ningún tipo de explicación nin nos informa sobre os contratos das campañas de Vodafone e cando lle preguntamos ao director rise na nosa cara”, denunciou. “Só sabemos que se prevén máis despedimentos porque o dixeron, pero descoñecemos a cantas persoas vai afectar, se queren desmantelar por completo a plataforma ou se a queren deixar baixo mínimos. O único que temos seguro é que o traballo vai para Ponferrada”, aclarou Lema.
Dende o Comité quixéronse denunciar publicamente as manobras que a multinacional vén desenvolvendo de cara a executar novos despedimentos. Así, apuntaba Lema, Sykes está obrigando a coller as vacacións devengadas até o momento ao persoal das campañas de Vodafone co obxecto “de despedir á xente cando regresen e así non ter que pagarlle as vacacións non gozadas que lles deberían”.
Abundando neste punto, a presidenta do Comité explicou que Sykes realizou un curso de formación para que un grupo de traballadores se incorporasen a unha nova campaña de Vodafone, mais o contrato de dita campaña foi suspendido o mesmo día que tiña que iniciarse. Lema sospeita que as intencións da multinacional van encamiñadas a que a compañía de telefonía rescinda todos os contratos coa plataforma coruñesa, e así trasladalos a outros centros, como o de Ponferrada “no que cada día teñen máis carga de traballo”.
Dende o Comité advertiron que continuarán denunciando todas as irregularidades cometidas pola empresa e non descartaron iniciar un novo calendario de mobilizacións.