Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 6/7/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG-Compostela alerta que de seguir a progresión actual Compostela superaría, en 2013, o 25% de taxa de desemprego

Anxo Noceda, secretario comarcal, considera que neste contexto está máis que xustificada a convocatoria dunha nova folga xeral
O secretario comarcal da CIG de Compostela, Anxo Noceda, logo de analizar os datos de paro relativos ao mes de xuño, considera que son “desoladores” e que fan albiscar que, de manterse a progresión respecto dos últimos anos, o panorama “será aínda máis crítico na cidade e na comarca a partir de xaneiro do ano que vén”. Noceda alerta ademais de que, dado o número de desempregados/as que hai neste intre, de aplicarse as medidas que se barallan desde o goberno central de recorte das prestacións por desemprego, ben pola vía de reducir a súa contía, ben pola vía de reducir o período de duración, abocaríase a unha situación de empobrecemento “alarmante” a unha elevada porcentaxe da poboación.

Analizando a evolución dos datos, este mes de xuño, con respecto ao mes anterior, é porcentualmente, o segundo ano no que menos baixa o desemprego desde o ano 2008. Tendo en conta que os meses nos que máis baixa o desemprego na cidade de Compostela son os de abril, maio e xuño de cada ano, neste ano, con tan só un 5,29% nos tres meses, é no que con diferenza, menos baixa o desemprego desde o inicio da crise desde 2008. “Mesmo no catastrófico ano 2011, a caída do desemprego neses tres meses foi do 9,74%, case duplicando a caída deste ano”.

Noceda ten en conta que os maiores incrementos na taxa de desemprego na nosa cidade prodúcense a partir do mes de agosto e setembro e que se van incrementando até acadar os seus máximos no mes de xaneiro do ano seguinte. “Máximos que desgraciadamente tenden a consolidarse e incrementar ao longo de todo o novo ano, de maneira que os incrementos no desemprego desde o mes de xuño a mes de xaneiro veñen oscilando entre o 29,36% do ano 2008-2009 ao 20,59% do período xuño de 2011 a xaneiro de 2012”. A isto engade que a porcentaxe de incremento máis baixa foi do 17,45% no período de xuño de 2009 a xaneiro de 2010, ano Xacobeo.

Tendo isto en conta, o secretario comarcal da CIG de Compostela alerta de que, de non adoptarse ningunha medida que permita reverter esta situación, todo indica que a progresión do incremento do desemprego sería nos vindeiros meses idéntica á de anos anteriores. “Levarémonos outra pequena alegría estacional no mes de xullo e se cadra no mes de agosto, para, se nada o remedia, rematar cuns datos de desemprego en xaneiro de 2013 que, na nosa cidade poderían superar os 10.500 desempregados/as, con taxas de desemprego superiores ao 25%”. E isto, advirte, sen ter en conta as consecuencias que terían as medidas que prevé pór en marcha o goberno Rajoy que se veñen anunciando nos últimos días, nomeadamente o impacto na cidade do despedimento masivo de empregadas e empregados do sector público.

Da análise dos datos, Noceda tira que entre un 60 e un 70% das persoas desempregadas non terían dereito xa a estas alturas a percibir as prestacións por desemprego. “No mellor dos casos poderían ter dereito aos 426 € correspondentes ao subsidio”. De aí conclúe que “se está abocando a unha preocupante porcentaxe da poboación de Compostela á pobreza e á exclusión social”.

Esta situación, alerta, veríase aínda máis agravada de aplicarse o incremento do IVE, os recortes nas prestacións por desemprego ou nas pensións.

Situación na comarca

Desta situación que se retrata para Compostela, explica Noceda, non é allea o conxunto da comarca. “Non hai concello da comarca onde as porcentaxes de desemprego, así como a progresión mes a mes varíen significativamente cos da cidade. Especial incidencia tería nunha comarca como a nosa cunha alta dependencia do emprego público a recentemente anuncia medida de supresión de entre 100.000 e 300.000 postos de traballo, no sector público”.

Ante isto, o secretario comarcal da CIG de Compostela demanda a inmediata derrogación das dúas últimas reformas laborais, dado que “non serviron para crera un só emprego, senón todo o contraio, para destruílo”, así como das restantes medidas de recorte impostas tanto polo goberno central como polo da Xunta de Galiza xa que “tampouco teñen contribuído á xeración de emprego”, afirma.

Noceda reclama que dunha vez por todas se reverta a situación e que “no canto de darlle os cartos aos bancos, tense que facer investimento público, criar unha banca pública e contar cuns gobernos que estean realmente ao servizo do pobo e non das entidades financeiras, únicos que se están a lucrar con este espolio continuado que eles chaman crise”. Considera que neste contexto, e coas medidas que se están a adoptar, está máis que xustificada a convocatoria dunha nova folga xeral.

cig.prensa@galizacig.com