Dende a Sección Sindical da CIG subliñan que, até que non se dean as explicacións adecuadas nin se remita o texto do Acordo, “non podemos entender que eses anuncios non sexan outra cousa que un engano máis de cara a un posíbel adianto das elección en outono”. Todo isto, sinala o responsábel da sección sindical, Marcelino Amado, feito dunha forma irresponsábel, que non beneficia nin aos traballadores/as nin a Navantia.
Por iso, a CIG reitera que a solución a curto prazo par aos estaleiros da ría de Ferrol pasa pola construción do dique flotante. Unha infraestrutura da que a súa posta en marcha depende só dunha decisión política que, a pesar da gravísima situación do sector naval, “continúan a adiar, e cuxa viabilidade quedou confirmada na primeira reunión da Comisión de Seguimento” celebrada a pasada semana.
Neste senso, a Sección Sindical denuncia que non só non se consignan os cartos necesarios para a súa construción, “senón que mesmo xa se afirma que a obra non terá financiamento público algún”.
Así mesmo, denunciase que todo o anunciado, relacionado coa petroleira PEMEX, “se esvaece como o fume. Primeiro íamos a participar na construción de 14 remolcadores, logo de 7, máis adiante dun barco flotel e a gora seica imos ofertar dous quimiqueiros que nos encargaría a Armada Mexicana, xa só falta que teñan que ir pintados de gris naval (cor dos barcos de guerra)”.
A este respecto, puntualizan que Navantia ten potencialidade suficiente para afrontar calquera reto na construción naval, como xa ten demostrado, mais non se pode esquecer que dadas as características da empresa non son estes o tipo de contratos aos que Navantia debe acceder “nin a carga de traballo que a curto prazo necesitamos”.
Para a central sindical, os mediáticos anuncios da Xunta non son máis que propaganda electoral, á que dificilmente se lle pode dar credibilidade algunha. Porén, lamentan dende a Sección Sindical, “o triste é que están a xogar co pan dos traballadores/as e das súas familias”.