Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 6/7/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

As traballadoras de Mafecco amplían o calendario de mobilizacións e convocan folga contra o ERE de extinción

O persoal realizou unha concentración ás portas da fábrica coincidindo cunha nova xuntanza do período de consultas
As traballadoras de Mafecco afectadas polo ERE de extinción realizaron o xoves unha nova concentración ás portas da fábrica, coincidindo coa xuntanza entre a empresa e a representación do persoal dentro do período de consultas. As traballadoras volveron denunciar que o obxectivo da empresa é deslocalizar a produción e esixiron o cobro inmediato dos atrasos salariais.

Un período de consultas que a responsábel do téxtil da CIG, Dores Martínez, considera que a empresa entende como un mero trámite, xa que non está disposta a avaliar ningunha alternativa ás extincións de contratos. De feito, na xuntanza deste xoves, a dirección presentou unha proposta na que baixa de 42 a 40 os despedimentos,  amplía o pago de indemnizacións dos 20 días marcados por lei até 22 días, e achega garantías de cobro nos dez días posteriores a recibiren as cartas de rescisión de contrato.

Unha proposta que tanto o Comité como a responsábel do téxtil da CIG consideran ridícula e un simple intento de chantaxe por parte da empresa, tendo en conta que estas cativas “melloras” están condicionadas á sinatura de acordo para o ERE. Cómpre lembrar que, por mor da reforma laboral do PP, a sinatura deste acordo imposibilitaría calquera reclamación posterior do persoal contra o ERE pola vía xudicial (a única vía que lle queda ás traballadoras logo da eliminación da autorización administrativa dos expedientes de regulación).

Fronte a esta actitude por parte da empresa, as traballadoras acordaron continuar adiante co calendario de mobilizacións e teñen convocada folga durante toda a semana próxima. Ademais, o luns día 9, o persoal levará as súas protestas até a Praza de María Pita, coincidindo coa celebración do Pleno Municipal. As traballadoras buscan recoller o apoio da corporación e ao mesmo tempo lembrar ao alcalde da Coruña que segue sen contestar á súa solicitude de reunión.

cig.prensa@galizacig.com