Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 6/7/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

FGAMT-CIG advirte dun recorte encuberto de case o 50% no servizo de transporte de altas e traslados interhospitalarios do CHUAC

A central denuncia que Ambulancias Xuvias, a empresa concesionaria, continúa cobrando do Sergas por un servizo que non presta
A FGAMT-CIG da Coruña vén de denunciar publicamente o recorte encuberto que se está a producir no servizo de transporte sanitario non urxente do CHUAC destinado ás altas e aos traslados inter e intrahospitalarios, xa que nestes momentos a empresa concesionaria só traballa co 50% das ambulancias contratadas polo Sergas.

O responsábel de Transportes da CIG, Xesús Pastoriza, e delegados da central sindical en Ambulancias Xuvias (empresa que ten a concesión), explicaron en rolda de prensa que dende primeiros deste ano o servizo está funcionando só con cinco, seis ou sete ambulancias ao día, cando no prego de condicións se estabelece que ten que contar con nove vehículos e dúas ambulancias localizadas.

Este recorte de vehículos dispoñíbeis está provocando un grave deterioro da atención prestada aos usuarios e usuarias do CHUAC. “Hai pacientes que despois de recibir a alta teñen que agardar horas ou mesmo até o día despois para seren trasladados á casa”, denuncia Pastoriza. Neste senso, os delegados da CIG destacan que, aínda que descoñecen se existen queixas escritas ante a Consellaría ou a Xerencia do hospital, as protestas dos usuarios/as polos atrasos son cada vez máis frecuentes. “Non é normal que unha persoa que recibiu a alta ás tres da tarde teña que esperar até a unha da madrugada para ser recollida”, censuran.

Non obstante, Pastoriza criticou que, a pesar deste recorte, Ambulancias Xuvias continúa cobrando do Sergas como se estivese funcionando coas once ambulancias, algo que considera un despropósito e un sen sentido. “É unha absoluta incoherencia falar de recortes e de austeridade cando, ao mesmo tempo, a administración lle paga a unha empresa por un servizo que non presta”, sinala.

Por iso, para a central sindical este recorte de dispositivos conta coa complicidade do Sergas, que de xeito encuberto estaría preparando o terreo para unha nova rebaixa neste servizo. Un servizo que, matizan os delegados, xa era precario debido ao seu dimensionamento á baixa con respecto ás necesidades reais que existen.

Neste senso, durante a rolda denunciouse tamén que a empresa, no tempo de traballo contratado para o servizo do CHUAC, está a destinar ambulancias para realizar trasporte sanitario privado (de cobro) e mesmo condutores dos vehículos parados son derivados a outras ambulancias a realizar as tarefas de padioleiros. “Non é que haxa menos vehículos, o que pasa é que a empresa ten as ambulancias paradas ou as destina a facer outros servizos privados”. 

Dende a CIG laméntase o desinterese amosado pola Xerencia do CHUAC ante esta merma da calidade asistencial, pois a pesar das reiteradas queixas e advertencias do sindicato e os delegados, non ten tomado ningún tipo de medida para esixir á empresa que cumpra co estabelecido no prego de condicións da contrata.

cig.prensa@galizacig.com