Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 6/7/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

O Goberno central reduce en 6,5 millóns os orzamentos destinados ao Plan Estatal de Loita contra a drogadicción

CIG-Saúde denuncia que a Galiza se lle reduce en 431.000 € e alerta de que, no futuro, isto terá graves consecuencias, provocando problemas de saúde pública que afectarán a toda a poboación
Na primeira reunión sectorial do Plan Estatal de Loita contra a Drogadicción, celebrada onte en Madrid, o representante do Ministerio anunciou que o Orzamento para o próximo ano será de 11,98 millóns de euros para repartir entre o conxunto das CCAA. CIG-Saúde denuncia que o goberno central destinará así 6,5 millóns menos a este plan, dos cales corresponde a Galiza unha redución de 431.000 €. “Faise esta redución ao tempo que se salienta a necesidade de que os gobernos central e autonómicos reforcen a loita contra o consumo de drogas, nomeadamente entre a mocidade e as mulleres”, di a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín.

 O orzamento que o Goberno Central destinou  no ano 2011 para o Plan Estatal de Drogas foi de 18.5 millóns de €. Agora co goberno do PP inmerso nunha espiral de recortes, “destinada a empeorar a calidade de vida das persoas que máis o necesitan, diminúe drasticamente o orzamento para o próximo ano, que pasa a ser de 11, 98 millóns de euros, 6,5 millóns menos”, explica a secretaria nacional de CIG-Saúde.

A isto engade que a Galiza correspondéronlle 1.179.548 euros o ano pasado. A asignación agora será de 748.519,81, polo tanto redúceselle o orzamento en 431 mil €, ao que hai que engadirlle que, desde a toma de posesión do goberno do PP na Xunta, a Consellaría de Sanidade reduciu o montante total asignado nos orzamentos de 2012 en máis de 1.400.000 €, o que tivo como consecuencia unha diminución importante das actividades que se realizan. Alerta que a esta redución, haberá que sumarlle a previsíbel diminución orzamentaria que a Consellaría de Sanidade faga nos orzamentos do ano 2013.

Con esta medida o único que pretenden os gobernos central e da Xunta “é dar por finiquitado o plan galego de drogas, que leva en activo máis de 20 anos cun traballo de recoñecido prestixio, que serviu de modelo para que outras CCAA e outros países elaboraran os seus propios plans”.

CIG-Saúde denuncia que esta redución orzamentaria está englobada nas medidas de política sanitaria do Partido Popular “destinadas a eliminar das prestacións sanitarias aos colectivos máis desfavorecidos socialmente e que, de continuar nesta senda, no futuro provocarán graves problemas de saúde pública que afectarán a toda a poboación”.

Denuncia, unha vez máis, a actitude do PP que cos cartos públicos está a lexislar medidas dirixidas a favorecer a quen máis recursos económicos ten, negándolle á asistencia sanitaria ás persoas que máis risco teñen de estar en situación de exclusión social.

Ante isto, fai un chamamento a non ser cómplices desta situación e defende que outras medidas son posíbeis para preservar a sanidade pública, universal e gratuíta.

cig.prensa@galizacig.com