marco
A Coruña, 6/8/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Embarcacións sobrepasan os 24 anos de antigüidade na metade das bases marítimas

A CIG denuncia a precariedade nos medios do Servizo de Vixilancia Aduaneira

A CIG denuncia a precariedade dos medios cos que conta en Galiza o Servizo de Vixilancia Aduaneira. En tres das seis bases marítimas do país, as embarcacións sobrepasan os 24 anos de antigüidade e o helicóptero da zona norte tan só dispón de dúas horas de autonomía.

Nota de prensa difundida pola sección sindical da CIG na Axencia Tributaria, organismo do que depende o Servizo de Vixilancia Aduaneira:

En relación coa aprehensión dunha embarcación tipo Sloop con 4.000 quilos de haxix polo Servizo de Vixilancia Aduaneira da Coruña, ocorrida o 4 de agosto, queremos denunciar a precariedade de Vixilancia Aduaneira en Galiza pois, en tres das seis bases marítimas que temos no noso territorio, as embarcacións pasan dos 24 anos (Vilagarcía, Muros e Ribadeo). Con esta antigüidade faise imposíbel calquera tipo de vixilancia ou persecución a planadoras.

Por outra lado, o helicóptero que temos posúe unha autonomía moi limitada, de dúas horas aproximadamente, o que ocasiona que non poidamos controlar grandes extensións de mar, mentres que na zona sur os helicópteros de Vixilancia Aduaneira dispoñen de seis horas de autonomía.

O escáner do Porto de Vigo para o control de entrada de mercadorías prohibidas en contedores leva un ano instalado sen que, até o momento, se puxese en marcha.

Desde a CIG queremos denunciar as numerosas trabas que se nos poñen aos funcionarios de Vixilancia Aduaneira para desenvolver o noso traballo. De aí que as aprehensións estean a diminuír en Galiza, mentres a droga segue a entrar como fai anos. Non temos que máis que ver que o gramo de cocaína está por debaixo dos 40 euros, 20 euros menos que en 1990.

Os traballadores de Vixilancia Aduaneira temos demostrado que sabemos loitar contra esta lacra que masacra a nosa mocidade e, moitas veces, sen que se nos recoñecese o noso labor silencioso pero efectivo. Por isto non podemos entender que intereses pode haber para que Vixilancia Aduaneira de Galiza non poida dar o máximo na loita contra o narcotráfico.