A protesta levouse a cabo diante da sede de Serfico, empresa cuxo xerente é Juan Serantes Arias, o administrador xudicial do Grupo Cerdeira ao que os traballdores/as acusan de falta de imparcialidade por terse posto “de parte da compañía” e de cambiar de actitude ao negarse agora a recibilos. Lembran que está a desaparecer material e maquinaria das instalacións da empresa sen que esta persoa faga nada e critican que cando teñan que cobrar as indemnizacións “non vai quedar nada para subastar”. Ao mesmo tempo, denuncian que os fillos de propietario do Grupo Cerdeira, Juan Cerdeira, están a crear novas compañías e están a levar para alí material e maquinaria.
Dende a CIG denuncian tamén que os afectados aínda non cobraron o 50% da paga extra de Nadal, a de xullo, os salarios e horas extras dende o 16 de maio até o 4 de xuño, día no que pechou a empresa, ademais das liquidacións e indemnizacións correspondentes (estas últimas estableceranse no xuízo a celebrar proximamente). E iso a pesar de que a central nacionalista constatou a entrada de partidas de cartos suficientes para facer fronte a estas débedas. Nesta liña, censuran que o propio administrador xudicial lles dixo que lles pagaría “despois de cobrar el” e sosteñen que “está agardando a que nos pague o Fogasa”.
A protesta de hoxe chega despois das dúas celebradas con anterioridade na casa dos propietarios na zona do Portiño, en Saiáns. Ao remate da concentración os afectados celebraron unha asemblea na que decidiron que van continuar coas mobilizacións até que se lles abonen os pagos pendentes.