Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 6/9/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

O persoal das administracións retoma as mobilizacións contra o recorte de dereitos e o desmantelamento dos servizos públicos

Centos de empregados/as do sector público secundan as protestas convocadas nos distintos centros de traballo de todo o País
Os empregados e empregadas da administración pública retomaron este xoves o calendario de mobilizacións en rexeitamento aos recortes laborais, sociais e económicos impostos polo PP e contra o progresivo desmantelamento dos servizos públicos. As protestas, que se desenvolveron nos distintos centros de traballo de toda Galiza, volveranse repetir o todos os xoves de setembro.

Centos de traballadores e traballadoras ao servizo das administración saíron este xoves unha vez máis ás rúas para manifestar o rexeitamento ás políticas de recortes que o PP está a impor dende o Goberno español e que o Goberno galego “acata submisamente”, a pesar de que supoñen unha invasión das competencias propias.

As protestas dan continuidade ás mobilizacións iniciadas o pasado mes de xullo cando o executivo de Mariano Rajoy anunciou un novo paquete de medidas de recortes laborais, sociais e económicos para o sector público. Recortes cuxas consecuencias xa se están comezando a sentir nos distintos ámbitos: desaparición de servizos públicos, falta de cobertura das baixas, imposición de xornadas de traballo abusivas para facer fronte á falta de persoal, destrución de miles de empregos, redución da calidade asistencial, incremento das listas de agarda, saturacións dos hospitais, etc.

Ademais estase avanzando rapidamente no proceso de privatización e externalización dos servizos públicos básicos que até o de agora prestaba a propia administración, pero que agora xestionará a empresa privada, facéndose así con un mercado de negocio que as grandes corporacións reclaman dende hai anos. “Estas políticas van deixar nas mans das empresas privadas os poucos servizos públicos que aínda prestaba a administración xusto cando máis necesario resulta o seu fortalecemento, co fin de atender as necesidades dunha sociedade cada vez máis pobre e desprotexida”, apuntaba a Secretaria de CIG-Administración Pública, Maricarme López.

A este desmantelamento da administración hai que súmalle o recorte de dereitos laborais e económicos aplicados ao conxuntos dos empregados e empregadas so sector público: supresión da paga extraordinaria, penalización económica por enfermidade, eliminación de días de libre disposición, ampliación da mobilidade, eliminación na práctica do dereito á negociación colectiva...

Para a Área Pública da CIG é obvio que o conxunto de medidas do PP teñen como obxectivo último desmantelar todas as conquistas sociais e laborais no sector público, xa que non se está só a falar de reducir salarios ou eliminar pagas extra senón tamén de destruír emprego reducindo a administración e, polo tanto, eliminando os servizos.

Por iso, denuncian que Todas as medidas están dirixidas a recortar, unha vez máis, dereitos e precarizar as condicións de vida e de traballo da maioría social, “para que finalmente sexan as clases traballadoras quen paguen unha crise que non provocaron, ao tempo que se protexen e benefician os intereses de banqueiros, especuladores e defraudadores”.

Neste senso, a Área Pública da CIG fixo un novo chamamento a continuar na mobilizacións e a resposta social, así como a participar na manifestación que a Plataforma en defensa dos servizos públicos ten convocada para este sábado, 8 de setembro, ás 11:30 horas, con saída dende a Alameda de Compostela.

Galería de imaxes

cig.prensa@galizacig.com