Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 7/1/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG denuncia que a dirección do Servizo de Vixilancia Aduaneira continúa sen dotar de medios de protección á costa galega

Durante o pasado ano rexistráronse até oito grandes operacións relacionadas co narcotráfico en Galiza
A sección sindical da CIG na Axencia Tributaria volveu reiterar as súas denuncias en relación coa escaseza de medios dos que dispón o Servizo de Vixilancia Aduaneira (S.V.A.) en Galiza, logo da aparición duns náufragos a bordo dunha planadora. A falla de medios materias e humanos segue a facer das costas galegas un dos lugares preferidos polos narcotraficantes para as súas operacións.

Dende o verán de 2007 as costas de Galiza están sendo tomadas polos narcotraficantes e as súas potentes planadoras, sen que se tomen as medidas oportunas para evitalo por parte dos responsábeis do Servizo de Vixilancia Aduaneira. Dende a sección sindical da CIG na Axencia Tributaria lembran que levan anos denunciando a falta de medios e explican e que non “podemos entender que intereses poden existir para que unha zona tan utilizada por narcotraficantes para as súas descargas e transportes de droga a outros lugares de Europa estea tan abandonada”.

Galiza segue a ser un dos lugares preferidos polos “narcos” para as súas operacións, aínda que os dirixentes de Vixilancia Aduaneira en Madrid prefiran destinar medios materiais e humanos a outros lugares deixando as nosas costas desprotexidas.

Nestes intres, as bases de Ribadeo e Muros contan con embarcacións moi antigas, a base de Marín traballa ao 50% das súas posibilidades, a de Vilagarcía conta cunha embarcación demasiado trillada e sometida a dobre esforzo por falta doutra embarcación. Ademais, as horas de patrulla son escasas por falta de persoal e para aforrar as horas extras, hai días que non se sae ao mar para aforrar combustíbel.

“Vai sendo hora de que a nova Directora de Vixilancia Aduaneira deixe de escoitar os cantos de serea dos funcionarios acomodados en despachos de Madrid, ignorantes absolutos da realidade das costas galegas, e tome as decisións oportunas dotando ás Bases de Galiza dos medios necesarios para afrontar cun mínimos de garantías a loita contra o narcotráfico”, afirman dende a sección sindical.

Grandes operacións

No pasado ano leváronse a cabo en Galiza oito grandes operacións polo S.V.A., con ducias de detidos e toneladas de droga incautada, que dan conta da importancia que seguen a ter as nosas costas para o narcotráfico.

En xuño de 2007 aparecía abandonada tras unha persecución por funcionarios do S.V.A. unha planadora de 17 metros de eslora, con cinco potentes motores de 300 cabalos cada unha, nas inmediacións do porto do Freixo, Muros. En novembro dese ano, unha planadora semirríxida con 2 motores de 250 cabalos foi abandonada nunha praia do Cabo Udra, en Bueu, con 96 fardos de cocaína, e unha segunda de similares características varou cerca de Porto Meloxo, O Grove. Por esas datas tamén apareceu unha planadora afundida fronte ás costas de Baiona.

En febreiro de 2008 encontrouse unha planadora queimada na praia de Espiñeiro, na Ila de Arousa, con tres motores de 300 cabalos cada unha. Hai escasos días apareceu varada na praia da Lanzada unha das máis potentes planadoras usada para o transporte de droga, cunha eslora de 18 metros e seis potentes motores, tras tirar ao mar a cocaína que transportaba.

Dende decembro do 2005 a xaneiro do 2006 confiscáronse por funcionarios do S.V.A. cinco embarcacións dedicadas ao transporte de estupefacientes.

cig.prensa@galizacig.com