Varios membros da CIG-Servizos acudiron ao I Foro Perspectivas de Futuro no Sector agroalimentario galego, organizado por El Correo Gallego en Compostela, para trasladar o malestar pola situación da negociación do convenio da alimentación na provincia de A Coruña. O acto representa o inicio das mobilizacións no sector a prol dun convenio digno e con dereitos, diante das irrisorias ofertas presentadas pola patronal.
Nun momento da mesa redonda na que participaba Roberto Tojeiro, vicepresidente de Gadisa (un dos principais grupos de distribución no noso País), un representante da CIG-Servizos ergueu a man e interveu no acto coa seguinte pregunta: “Non vos sentides uns explotadores?”. A pregunta, como era de agardar, non obtivo resposta nin xerou o interese dos participantes no foro a respecto da situación laboral na que se atopan os miles de traballadores e traballadoras galegos empregados no sector do comercio da alimentación.
Mobilizacións conxuntas
Segundo avanzaron dende a Federación de Servizos da CIG, as mobilizacións na defensa dun convenio digno iniciaranse en breve, ao tempo que as organizacións sindicais estudan a posibilidade de elaborar un calendario de protestas coordinado co persoal da provincia de Pontevedra, onde tamén están en proceso de negociación do convenio.
En ambas provincias, a patronal ten amosado unha postura inmobilista, recorrendo á coñecida escusa da crise económica para presentar propostas de convenio cativas, mesmo pretendendo unha redución dos salarios.