marco
Compostela, 7/10/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Denuncian ante a Inspección a situación na que se atopan os traballadores do Obradoiro do concello de Ribadavia ‘ABOBRIGA’

As condicións de traballo incumpren a normativa en materia de prevención e poñen en perigo a súa integridade física
A CIG de Ourense vén de denunciar perante a Inspección de Traballo a situación na que se atopan os traballadores e traballadoras do Obradoiro ABOBRIGA, promovido polo concello de Ribadavia. Unhas condicións que violan a normativa vixente e constitúen incumprimentos en materia de prevención de riscos laborais que poñen en perigo a súa integridade física.

Os traballadores do Obradoiro ABOBRIGA carecen de equipos de protección individual ou cando os teñen son de baixa calidade. As fundas que empregan, por exemplo, non son pechadas e non protexen as extremidades o que provoca que queden ao descuberto, igual que o pescozo quedando expostos a picaduras de insectos e vexetación.

Non dispoñen de botas de seguridade anticorte cando están a a utilizar motoserras ou desbrozadoras e carecen de cascos que os protexan do ruído cando se utilizan as máquinas.

No centro de traballo non dispoñen sequera de medios de extinción de incendios e no caso dun hipotético lume non poderían facerse unhas primeiras curas porque os botiquíns dos que dispoñen non teñen os elementos máis básicos para realizar tarefas de primeiros auxilios.

Pero estes non son os únicos perigos aos que se expoñen, explica Anxo Pérez Carballo, técnico de Seguridade e Saúde Laboral e membro da Executiva Confederal da CIG. “Teñen feito traballos sen ningún tipo de sinalización de roupa de alta visibilidade, co que están expostos continuamente a accidentes cando fan traballos en vías públicas”.

Pérez Carballo subliña que estas son faltas reguladas e tipificadas expresamente na Lei sobre Infraccións e Sancións en materia de prevención de riscos laborais e afirma que “é lamentábel que sexa unha administración pública, que debería dar exemplo, a que incumpra a lexislación e menosprece a vida e a saúde dos empregados/as públicos”.

A situación é especialmente grave, afirma Pérez Carballo, tratándose dun obradoiro, xa que segundo a Orde do 21 de decembro de 2007, pola que se estabelecen as bases reguladoras para os programas de escolas obradoiro, a finalidade das mesmas é o emprego e a formación.