Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 7/11/2011
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

24 de novembro: Folga xeral en Portugal “Contra a explotación e o empobrecemento”

En defensa do emprego, dos salarios, dos dereitos e dos servizos públicos
Portugal vivirá, o vindeiro 24 de novembro unha xornada de folga xeral convocada polas dúas principais centrais sindicais, a CGTP/IN e a UGT. Denuncian as medidas de austeridade que se imporán á clase traballadora, que terán como consecuencia a recesión económica, o aumento da explotación e o empobrecemento xeneralizado da poboación. Denuncia tamén, que a actual situación é consecuencia dos acordos acadados polo PS, PSD e CDS coa UE, o FMI e BCE. Medidas agora agravadas polo goberno do PSD-CDS.

A CGTP describe un panorama socio-laboral desolador. Portugal ten o Salario Mínimo Interprofesional máis baixo da zona euro; 2.350.000 traballadores/as con salarios inferiores aos 900 €, dun total de menos de catro millóns de asalariados e máis de un millón de traballadores/as en precario. Ë o terceiro país da UE con maior índice de precariedade. O peso dos salarios pasou de representar o 59% do PIB en 1975, ao 39% a altura de 2008. É ademais un dos países da UE con peores condicións de traballo e con maiores desigualdades sociais.

As causas que levaron ao pobo portugués a esta situación foron as políticas seguidas polos sucesivos gobernos e provocaron a destrución do aparello produtivo, as privatizacións, a especulación financeira, os excesos nos orzamentos das obras públicas, a aposta por un modelo de baixos salarios, traballo precario e sen cualificación, a corrupción, a fraude, a evasión fiscal e a economía paralela.

Porén, malia a situación ser xa crítica, a CGTP denuncia que as medidas de ‘austeridade’ que pretende aplicar o PSD-CDS empeorarán aínda máis as condicións laborais. “Esta é uma política de terra queimada, que precisa de ser denunciada, combatida e derrotada!”, afirman, un “ saque organizado que está a ser feito aos trabalhadores, aos reformados e pensionistas e às suas famílias”.

A CGTP manifesta a súa máis rotunda oposición aos recortes na paga extra de Nadal de 2011 a todos os traballadores e pensionistas, a retirada das extras de Nadal e vacacións até 2013 aos traballadores da administración pública, do sector empresarial do Estado e aos pensionistas do Estado e do réxime xeral que gañen por enriba dos 1.000 €; e a redución das extras en 2012 e 2013 aos traballadores da A.P/S.E.E. e a todos os pensionistas que ingresen máis de 485 € líquidos.

Do mesmo xeito, a central sindical portuguesa oponse á ofensiva “sem precedentes” contra a lexislación laboral, que supón un “retrocesso social e civilizacional contra um projeto de valorização do trabalho e a dignificação de quem trabalha, que levou décadas a construir com o esforço e a luta persistente de gerações de trabalhadores”.

Preténdese, de feito, aumentar a xornada de traballo semanal, sob pretexto de incrementar a produtividade; diminuír os festivos; permitir que sexa a patronal quen xestione os tempos de traballo; recortar nun 50% o valor das horas extra; abaratar o despedimento; reducir as indemnizacións e os subsidios de desemprego e destruír a negociación colectiva, eliminando dereitos e garantías consagradas na Constitución portuguesa.

Entre mentres, increméntanse os prezos dos servizos e bens esenciais e aumentan as cargas fiscais sobre os rendementos do traballo ou o IVE reducíndose aínda máis a capacidade de compra dos pensionistas, que ven como se recortan en 1.880 millóns de euros os orzamentos destinados a pensións; redúcense as prestacións e servizos sociais e privatízanse empresas estratéxicas a prezo de saldo.

As alternativas

Fronte a isto defenden un Portugal desenvolvido e soberano, a dinamización da produción nacional na Industria, a Agricultura e a Pesca; un crecemento económico que coloque a economía ao servizo dos traballadores, do pobo e do país; incrementos nos salarios e nas pensións; incremento do SMI; a efectivización da negociación colectiva; a defensa e mellora dos servizos públicos e das funcións sociais do estado. Para iso, propoñen unha renegociación da débeda, dos prazos, dos xuros e dos montantes e a ampliación dos prazos e das condicións para a redución do déficit.

“Esta é”, afirman “uma Greve Geral em defesa da Democracia e do seu modelo civilizacional”. Consideran que os traballadores non son responsábeis da crise, que a situación non é inevitábel e que todo o pobo portugués debe sumarse “pelos nossos direitos laborais e sociais. Pela salvaguarda dos direitos dos mais jovens, dos nossos filhos e netos e das futuras gerações”.

cig.prensa@galizacig.com