Esta política provocou unha grande precariedade laboral, que forzou unha importante emigración de médicos de familia a outros países como Portugal ou Reino Unido, así como á existencia dunhas lamentables condicións laborais en moitos Centros de Saúde, e nomeadamente nos Puntos de Atención Continuada (PACs).
Diante desta problemática, a Comisión de Recursos Humanos (RRHH) do Ministerio de Sanidade propón autorizar aos Residentes de 4º ano de Medicina Familiar e Comunitaria para que, de xeito “excepcional”, desempeñen funcións asistenciais como médicos de familia nos Centros de Saúde.
Na opinión de CIG-Saúde, a vía de habilitar aos R4 para exercer como especialistas en Medicina Familiar e Comunitaria, antes de que rematen a súa formación, ten demasiados puntos débiles:
1. Atenta contra a coherencia e a necesaria progresión dos programas formativos. O 3º ano de residencia transcorre, practicamente na súa totalidade, en servizos hospitalarios, por tanto a integración da necesaria formación hospitalaria na práctica da Atención Primaria ten que se concretar de xeito progresivo e titorizado no Centro de Saúde no transcurso do 4º ano de residencia.
2. Pretende habilitar a quen aínda non reúne os requisitos legais para desempeñar un posto de traballo de especialista.
3. Mete aos residentes nun mundo de absoluta indefinición e desregulamentación desde un punto de vista puramente laboral.
4. Supón un antecedente para futuras promocións ou para outras especialidades. A superación do problema, se non se poñen en marcha outras medidas urxentes, pode tardar tempo co que esta situación de “excepcionalidade” pode repetirse ano tras ano.
Nesta situación, CIG-Saúde rexeita esa proposta e considera que “para afrontar unha situación que o propio Ministerio entende que é transitoria, sería mellor habilitar fondos especiais de choque (financiamento adicional e finalista da caixa estatal ás caixas dos servizos de saúde) que permitisen dúas vías de actuación máis acaídas: ampliar e estabilizar plantillas e negociar cos profesionais existentes solucións de excepción tamén transitorias”.