Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 7/2/2011
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A Consellaría continúa sen efectivizar os seus compromisos co servizo sanitario público de Lugo

A CIG-Saúde, diante da visita da conselleira ás instalacións do Lucus-Augusti, demanda máis persoal e medios humanos
Coincidindo coa visita rápida da conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, a CIG-Saúde volveu denunciar esta fin de semana a ausencia de cumprimento dos compromisos que o goberno galego acadara para a dotación material e persoal das instalacións do novo hospital de Lugo, Lucus Augusti.

“Dende a CIG pedímoslle á conselleira que non nos visite se non trae todo aquilo que nos debe, xa que hai cuestións que nos afectan e que só se deben á falla de vontade política que está a manifestar este goberno do PP”, denunciaba,  Carme Aira, Secretaria comarcal da CIG-Saúde de Lugo.

Entre outras cuestións,  Aira destaca a falla de:

- Incremento do cadro de persoal: os pequenos incrementos en varias categorías van acompañados de aumento constante das cargas de traballo. Noutras categorías non se produciu ningún aumento, dándose situacións de inhumanidade no traballo entre determinados colectivos e sufrindo unha desorganización considerábel, “da que non podemos culpar á Sra. Conselleira, pero que martiriza aos/ás traballadores/as e mantén impertérrita á Dirección, e ela debe sabelo. Só o voluntarismo e a implicación na atención ao doente nos fai superar certas situacións”.

- Dotación de medios: Incumprimentos tanto no relativo á confortabilidade dos espazos, á informatización dos carros de curas, ao tubo pneumático, que polas mañás non funciona, mais tamén relativo aos expendedores de uniformes, taquillas para o persoal, petacas avisadoras de timbres, ao famoso hospital sen papeis ou incluso á sinalización dentro do centro...

- Servizos estrela: hemodinámica, radioterapia e medicina nuclear, a pesar das reiteradas promesas de pórse en marcha, continúan sendo inaccesíbeis para os/as usuarios/as, que teñen que desprazarse fóra para recibir estes servizos.

- Diálogo co persoal e cos/as doentes.

Dende a CIG-Saúde lamentaron que a Consellaría poña máis esforzo en privatizar servizos que en dotar axeitadamente aos centros sanitarios do país. “Agardamos que a próxima vez veña coa cabeza alta polo traballo feito e non de incógnito e con presa, xa que para toda a poboación lucense (incluídos os seus votantes) esta estrea de hospital merece atención e dedicación, non unha visita avergoñada”, aseveran.

cig.prensa@galizacig.com