Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 7/2/2011
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Limpadoras dos colexios públicos de Vigo denuncian o Concello por impedirlles a entrada no pleno

A CIG censura que a Policía Local non permitise o acceso das traballadoras que figuraban nunha lista feita polos axentes
Un grupo de limpadoras dos colexios públicos de Vigo presentaron hoxe unha denuncia contra o Concello de Vigo despois de que se lles negase a entrada ao pleno municipal suspendido a semana pasada precisamente polas súas protestas. Dende a CIG-Servizos critican a actitude antidemocrática do alcalde e censuran que a Policía Local impedise o acceso á sesión “en función de si as traballadoras figuraban ou non nunha lista elaborada polos propios axentes.”

En total foron once as denuncias presentadas na comisaría, dez das propias traballadoras e unha da secretaria comarcal da CIG-Servizos, Transi Fernández, á que tamén se lle prohibiu a entrada. A pesar do control policial, varias limpadoras/es conseguiron acceder ao recinto (iso si, despois de seren rexistradas) e aproveitaron para expoñer as súas reclamacións até que o alcalde decidiu suspender o pleno durante 30 minutos. Despois de que Abel Caballero abandonase a sala, varios axentes locais obrigaron ás traballadoras/es a deixar os seus asentos para seren identificadas. O pleno reiniciouse coas queixas da oposición (PP) ao goberno municipal polo desaloxo das limpadoras “a pesar de que a sesión estaba interrompida”.

As afectadas que non puideron acceder ao salón de plenos permaneceron na entrada do Concello portando unha pancarta e berrando consignas para reclamar unha solución ao conflito laboral. Á protesta sumábanse as compañeiras/os que a Policía Local expulsou do pleno unha vez que eran identificadas/os polos axentes.

Incumprimento dos acordos

As traballadoras da limpeza dos colexios públicos de Vigo decidiran a semana pasada retomar as mobilizacións porque dous meses despois de desconvocar a folga indefinida para reclamar melloras laborais o Concello aínda non ratificou o acordo nin a empresa está a cumprir o pacto que permitiu poñer fin ao paro. Diante disto, o luns 31 de xaneiro volveron levar as súas reclamacións ao pleno municipal, que foi suspendido polo alcalde unha hora despois do seu inicio pola protesta das empregadas de Linorsa.

Dende a CIG-Servizos de Vigo explican que as traballadoras decidiron en asemblea retomar as mobilizacións despois de comprobar que transcorrido este tempo os responsábeis municipais aínda non asinaron os acordos alcanzados o pasado día 10 de decembro. En concreto, citan o incremento do número de horas a tres persoas para que dispoñan de maior facilidade para poder xubilarse (teñen entre 55-65 anos e unha xornada de 15 horas semanais, polo que se consensuara aumentarlles unha hora á semana para poder chegar ás 20).

Ao mesmo tempo, denuncian a actitude da empresa concesionaria do servizo de limpeza dos colexios públicos, que decidiu non renovarlle o contrato a unha empregada que participou na folga e que xa traballara durante catro cursos. “Durante o paro xa a ameazaran con non renovarlle o contrato”, sostén Transi Fernández, secretaria comarcal da CIG-Servizos de Vigo. Finalmente, adiantan que as traballadoras seguirán coas mobilizacións até que os responsábeis municipais accedan a sentarse con elas para rubricar o acordo que permitiu poñer a 23 días de folga.

Detalles do acordo

O máis relevante do acordo adoptado entre as partes fora que se conseguiran incluír tres aspectos fundamentais:

-Respectarase o acordo asinado o día 12 de novembro polo comité e a empresa.

-O horario das limpadoras negociarase no convenio colectivo .

-Aumentaranse as horas a aquelas mulleres que o necesiten para a súa xubilación.

A consecución destes tres puntos, básicos para as traballadoras, fixo que rematase o conflito das limpadoras, que “demostraron, durante eses días, a súa capacidade de loita solidaria coas compañeiras que tiñan menos xornadas ca elas”, subliñan desde CIG-Servizos de Vigo.

Nun colectivo inmensamente precarizado por contratos parciais e feminizado en exceso, CIG-Servizos entende que o lóxico é que as empresas favorezan as traballadoras a tempo parcial para que poidan ampliar a xornada cando haxa mais ocupación, e que a Administración sexa a primeira en colaborar para que así sexa.

cig.prensa@galizacig.com