Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 7/2/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Suso Seixo (e) e Francisco Miranda Vigo, na rolda de prensa.

A CIG anuncia a convocatoria dunha folga xeral nacional para a última semana do mes de marzo

A conferencia sindical celebrada este martes en Compostela aprobou por aclamación a mobilización
O secretario xeral da CIG compareceu en rolda de prensa xunto ao responsábel de Comunicación e Propaganda para anunciar a convocatoria dunha xornada de folga xeral nacional para a última semana do mes de marzo. A decisión foi adoptada practicamente por aclamación -só houbo sete abstencións- durante a conferencia sindical que se celebrou en Santiago de Compostela este martes e na que participaron máis de 350 dirixentes da central nacionalista. A data definitiva será consensuada coas distintas organizacións sindicais que decidan sumarse á mobilización.

Suso Seixo comezou a súa intervención apelando á necesidade da mobilización social como único xeito de amosar rexeitamento ás políticas que está a aplicar a Unión Europea e o Estado español. Neste senso, cualificounas de inxustas e equivocadas: inxustas porque cargan as consecuencias da crise económica sobre a maioría social, a clase traballadora; e equivocadas porque non están a servir para recuperar a economía e os niveis de emprego. Ben ao contrario, as medidas adoptadas están a provocar máis paro e un incremento da precariedade, da desigualdade social e da pobreza.

Fronte a isto, a CIG aposta por convocar unha folga xeral nacional para a última semana de marzo. A data definitiva será consensuada coas organizacións sindicais que decidan sumarse á mobilización, aínda que a central nacionalista baralla a posibilidade de que sexa o luns 26 ou o martes 27.  O máximo responsábel da central nacionalista indicou que trasladarán a proposta a todos os sindicatos que operan no noso país e ás distintas organizacións sociais e políticas galegas. Ao mesmo tempo, adiantou que tamén se contactará coas centrais nacionalistas vascas, catalás e canarias para que se sumen á protesta.

Dar resposta ás próximas reformas

Así mesmo, Seixo explicou que a folga persegue tamén dar unha resposta contundente ás próximas reformas laborais anunciadas polo Goberno español do PP. “Tampouco debemos de esquecer que teñen previsto aprobar no mes de marzo os orzamentos xerais para 2012, que contemplará importantes recortes do gasto público xa que pretenden reducir o déficit en 40.000 millóns de euros”, comentou.

Finalmente, amosouse moi crítico cos pactos alcanzados entre o sindicalismo español e a patronal xa que, na súa opinión, supoñen unha perda de dereitos e a desmobilización da clase traballadora. “Tamén supoñen unha derrota no eido ideolóxico porque secuestran o debate sobre un novo modelo económico e social máis xusto, solidario e ao servizo da maioría social”.

Para rematar lembrou o papel activo que a CIG xogou dende o inicio da crise, tanto presentando alternativas como afondando no debate ideolóxico sobre un novo modelo, “conscientes de que o actual sistema capitalista neoliberal fracasou”. Diante disto, fixo un chamamento a secundar a folga xeral e participar nas mobilizacións previas que se desenvolverán nas vindeiras semanas.

cig.prensa@galizacig.com