Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 7/3/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG de Ferrol agarda que o 10 de Marzo sexa o inicio “de grandes mobilizacións da clase traballadora”

A central comarcal organiza unha gran manifestación no Día da Clase Obreira Galega
O Secretario comarcal da CIG de Ferrol, Xesús Anxo López Pintos, e o secretario de organización, Fran Cartelle, ofreceron unha rolda de prensa o venres 6 de marzo para anunciar os actos que a central ten previsto levar a cabo con motivo do Día da Clase Obreira Galega. Pintos apuntou que as mobilizacións do martes 10 “deben ser o punto de partida” dun gran movemento da clase obreira, reclamou o cambio do modelo neoliberal, e demandou a creación dunha banca pública galega.
O Secretario da CIG de Ferrol, Xesús López Pintos, e o secretario comarcal de organización, Fran Cartelle.

Pintos asegurou que “nos atopamos diante dunha crise do sistema” e por iso o “10 de Marzo imos exixir aos gobernos un cambio de modelo socioeconómico”, máis xusto e solidario.

O secretario comarcal apostou pola necesidade “de crear unha banca pública galega que apoie aos sectores produtivos, “algo que non se fai dende a banca privada”. Pintos avogou tamén pola nacionalización dos sectores produtivos estratéxicos, incrementar a duración das prestacións sociais dado os altos índices de desemprego, e instaurar o salario social para garantir un mínimo de recursos ás persoas en paro. “A clase traballadora ten que saír á rúa, e este 10 de marzo ten que ser o punto de partida de grandes mobilizacións”, apuntou.

Situación na comarca Ferrol

O responsábel sindical explicou que na comarca de Ferrol e Eume-Ortegal rexístrase unha media de 25 novos parados/as cada día, e, ademais, estase incrementando o número de persoas maiores de 50 anos que pasan ao paro por primeira vez. Neste sentido, Pintos referiuse ao aumento do número de empresas que presentan expedientes de regulación de emprego, e destacou o caso de GAMESA, unha das principais firmas da comarca, que destruíu nos últimos meses máis de 100 postos ocupados por persoas contratadas a través de ETTs.

Os traballadores e traballadoras estamos vendo como recortan os nosos dereitos e se aproveita a situación de medo á perder o traballo, pois ser fixo xa non é ningunha garantía, para avanzar na precarización”, afirmou.

Entre as vítimas da crise económica da comarca, Pintos quixo destacar a situación que padecen os profesionais do mar. Na pesca de baixura non existen convenios colectivos, senón que os salarios veñen definidos polas vendas das capturas. Neste senso, matizou que a perda xeneralizada do poder adquisitivo e a baixada do consumo teñen provocado un descenso do prezo do peixe do 40%, baixada que se traslada paralelamente aos soldos dos mariñeiros.

Por estas razóns, dende a CIG de Ferrol realizaron unha chamada a toda a clase obreira galega para que o vindeiro 10 de Marzo saia á rúa na defensa dos seus dereitos e para exixir un cambio de modelo máis xusto e solidario.

Programa de actos

10:00 horas: Asemblea de delegados e delegadas, na que se vai debater sobre a crise económica, as medidas que son necesarias tomar, a situación na comarca…

12:00 horas: Tradicional ofrenda floral no monumento perante a estatua de Amador e Daniel, os dous operarios da Bazán asasinados pola policía española en 1972. A continuación, os/as delegados/as poderán visitar o novo centro de formación da comarca.

20:00 horas: Manifestación dende o local do sindicato, que percorrerá varias rúas do centro da cidade para rematar no Cantón.

cig.prensa@galizacig.com