Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 7/3/2013
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG outórgalle o Premio do Día da Clase Obreira Galega á loita dos traballadores/as de Einsa

Ante os ataques á clase traballadora Suso Seixo aposta por “máis traballo sindical, máis presenza nos centros de traballo, máis organización e máis conflitividade”
A CIG celebrou esta xoves a VII Edición do Premio do Día da Clase Obreira Galega, co que se recoñeceu ás traballadoras e  traballadores de Einsa, empresa de Artes Gráficas de As Pontes, pola súa loita exemplar ao conseguir, logo de 25 días de folga indefinida, minimizar o impacto da reforma laboral. Na súa intervención, o secretario xeral da CIG, alertou das consecuencias que terá este mesmo ano a aplicación da reforma da negociación colectiva, xa que até 400.000 traballadoras e traballadores poderían perder as súas actuais condicións laborais e salariais. Ante isto, apostou por “máis traballo sindical, máis presenza nos centros de traballo, máis organización e máis conflitividade”.

(Galería de imaxes)

A encargada de presentar o acto foi Marta Dacosta quen antes de dar paso á entrega dos premios fixo unha especial mención aos compañeiros e compañeiras finados/as no ano 2012. No seu nome, familiares e compañeiros/as da CIG recolleron unha figuriña de Julia Arias que foi entregada polo secretario xeral, en recoñecemento ao seu labor a prol do sindicalismo nacionalista. As persoas homenaxeadas foron Xoán Vicente Ruíz,  Xermán Rey; Ramón Cortés; Xosé Manuel Álvarez e Dores Xestoso.

De seguido fíxose entrega do Premio “8 de Marzo”, que correu a cargo da secretaria confederal de Muller e Mocidade, Margarida Corral e inmediatamente despois, o secretario xeral da CIG, fixo entrega do Premio a Einsa.

Na súa intervención, Seixo sinalou que a central sindical conmemora este ano un 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega, marcado polo recorte do investimento público, a perda de emprego, a caída de salario, o incremento das desigualdades sociais, por contrarreformas varias en materia laboral e social e por un descrédito importante de institucións como a monarquía e dos propios gobernos, “vinculados claramente aos grandes grupos económicos, á fraude e á corrupción”.

Ante a actual situación, explicou que a central sindical acordou que as reivindicacións deste 10 de marzo xirarán arredor da defensa do emprego e dos convenios porque “se está a producir unha destrución moi importante do noso tecido produtivo”, dixo.

Para demostralo, lembrou que desde o inicio da crise, no ano 2008, hai 160.700 persoas ocupadas menos, das que 140.000 son menores de 35 anos e que tan só no ano 2012 se destruíron 43.600 empregos. Sinalou que o paro afecta xa a 270.700 persoas, segundo á EPA e a 290.000, segundo os datos do paro rexistrado, un 20,7% da poboación. “Neste período emigraron nin máis nin menos que 77.000 galegas e galegos, que se sumáramos ao número de desempregados que hai estariamos a falar de 347.700 persoas, e dunha taxa de desemprego do 26,5%”, afirmou.

Sinalou que os sectores máis afectados foron a Construción e a Industria, con especial incidencia, en 2012, no de Servizos e advertiu que “a previsión para o 2013 é de que a situación siga igual”. Malia este desolador panorama, denunciou que “non só non se modifican as políticas senón que mesmo se exixe desde a Comisión Europea afondar nas mesmas”.

400.000 traballadores/as poderían quedar sen convenio este ano

A CIG tamén centra as súas reivindicacións nesta data na defensa dos convenios colectivos. A este respecto, o secretario xeral denunciou que a reforma da negociación colectiva “é unha peza fundamental do poder para levar adiante un dos grandes obxectivos das políticas anticrise que teñen deseñadas: a caída dos salarios”.

Asegurou que para acadar ese obxectivo facilitouse que as empresas puideran descolgarse e non cumprir o convenio colectivo; que poidan asinar convenios de empresa por debaixo do convenio do sector, que até o de agora estaba prohibido e limitouse o período de ultraactividade dos convenios a un ano. Isto, alertou, provocará que uns 400.000 traballadores/as, poidan quedar sen convenio no mes de xullo.

Ante esa situación as empresas poderían acollerse a un convenio de ámbito superior, en condicións laborais e salariais inferiores ao convenio provincial ou de empresa ou, se non hai un convenio de ámbito superior no seu sector, imporíanse as condicións mínimas, Salario Mínimo Interprofesional e ás condicións laborais que fixa o Estatuto de Traballadores.

A consecuencia, advertiu Seixo, sería a redución de en torno ao 20 ou 25% do salario tanto no sector público como no privado. “Estamos a falar di ataque a un dereito fundamental como é a negociación colectiva. Máis división, máis individualización, máis debilidade da clase obreira e das clases sociais máis desfavorecidas”.

Ante isto, chamou a combater a situación pola vía de “máis traballo sindical, máis presenza nos centros de traballo, máis organización e máis conflitividade laboral”.

Xunto a isto, proclamou a necesidade de reivindicar a defensa do dereito á soberanía das nacións, dos pobos para ter realmente institucións políticas con competencias, “institucións ás que poidamos presionar e sobre as que poidamos decidir, para que as políticas que se fagan sexan en función dos intereses da maioría social e non dunha minoría, que son as oligarquías financeiras que controlan esas institucións”.

Suso Seixo tamén denunciou a política de represión sindical que está levando a cabo o Partido Popular, tanto contra a central sindical como contra compañeiros e compañeiras da central sindical. Fixo especial fincapé na detención e torturas padecidas polo compañeiro Xesús A. López Pintos, responsábel da central sindical na comarca de Ferrol. Actitudes que dixo, “lembran ao franquismo” e que teñen por obxectivo acalar e reprimir todas aquelas voces que se levantan contra as súas medidas antisociais e antiobreiras.

cig.prensa@galizacig.com