Os mariñeiros afectados polo acordo entre a UE e Mauritania que expulsa á flota cefalopodeira galega fan un chamamento para que o Goberno español manteña negociacións privadas co Goberno africano de cara a lograr unhas novas condicións que permitan o regreso dos arredor de 20 barcos galegos que faenaban en augas mauritanas.
Unha representación dos traballadores e dos armadores mantivo unha xuntanza hoxe en Marín coa conselleira do Mar e coa corporación a petición do BNG. Durante o encontro, solicitáronlle á responsábel autonómica que sexa a Xunta a que presione para que o encontro bilateral se produza.