Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 7/3/2013
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A Fundación FESGA pasa a denominarse Fundación 'Moncho Reboiras'

Preténdeselle recoñecer así o seu protagonismo na conformación dos primeiros xermolos sindicais que deron pé ao que hoxe é a CIG
No propio acto de entrega dos Premios do Día da Clase Obreira Galega e 8 de Marzo, Día Internacional da Muller traballadora, o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, anunciou o cambio oficial de nome da Fundación FESGA polo de Fundación Moncho Reboiras Reboiras para o Estudo e Divulgación da  Cuestión Social e Sindical en Galiza.

Seixo explicou que darlle o nome de Moncho Reboiras á Fundación FESGA é unha forma de recoñecerlle o seu protagonismo na conformación dos primeiros xermolos sindicais que deron pé e sentaron as bases do sindicalismo nacionalista, iniciando ese longo camiño do sindicalismo hoxe representado pola CIG.

“En momentos como os que estamos a vivir, de recorte de dereitos, de intentar desmantelar ás organizacións sindicais desde o poder, de acentuar a represión contra os movementos sociais, é moi importante pór en valor, dar a coñecer a figuras como a de Moncho, que loitaron e mesmo deron a súa vida por organizar á clase traballadora galega para dotala de organizacións propias. Dunha ferramenta que lle permitise loitar mellor polos seus dereitos, por mellorar as súas condicións de vida e de traballo, por rematar coa ditadura e instaurar en Galiza unha sociedade máis xusta, democrática, máis libre e plenamente galega”, afirmou.

A isto engadiu que a súa loita segue a estar pois de total actualidade, tanto nos obxectivos estratéxicos, de modelo de sociedade, como na necesidade de ter organizacións propias como garantía para facer así posíbel eses obxectivos estratéxicos. E rematou cun “Amigo, compañeiro Moncho Reboiras, moitas grazas pola túa entrega, o teu sacrificio a prol da clase traballadora”.

Pola súa banda, Manuel Mera, presidente de FESGA, agora Fundación Moncho Reboiras, fixo un percorrido pola traxectoria vital de Reboiras e deu lectura á carta remitida pola súa familia, en agradecemento á decisión da central sindical por lle ter dado o seu nome á Fundación.

CARTA

A familia de Xosé Ramón Reboiras Noia (MR) agradece con afecto e cariño o recoñecemento que a CIG lle fai con este acto, e felicita a fundación FESGA por esta iniciativa e este compromiso.

Que unha fundación que estuda e divulga a realidade social e sindical de Galicia  leve o nome de MR é unha sabia decisión, xa que MR dedicou a súa curta e exemplar vida a loitar para que os dereitos sindicais, políticos, organizativos, lingüísticos e culturais de Galiza fosen recoñecidos. Está moi ben lembrar na memoria colectiva dun pobo a eses homes que co seu exemplo e dedicación contribuíron a crear, naqueles difíciles e duros anos 70, conciencia de país e organizacións para defendelos.

No ano 1972, MR tiña 22 anos, rematara a carreira de enxeñaría en 1971 e traballaba nos estaleiros de Barreras en Vigo, militaba no nacionalismo galego e contribuíra, con outros mozos, a darlle coherencia e organización a aquel nacionalismo destruído, represaliado e amedrantado pola  brutal represión do réxime franquista.

Barreras e o sector naval, foron a súa primeira escola de militancia sindicalista e activista polos dereitos dos traballadores.  As folgas de marzo en Astano e Bazán, onde as balas franquistas regaron coa sangue de Amador e Daniel as rúas de Ferrol, e as mobilizacións de Vigo en aquel setembro negro, uniron dúas loitas e unha forma de facer política e sindicalismo que MR, entre outros, soubo concretar e describir naquel boletín onde se recollen as reivindicacións dos traballadores, a solidariedade de amplos sectores populares e as masacres e brutalidades do réxime. Daquelas loitas, MR aprende moitas cousas, pero sobre todo, preocúpalle unha: organizar a aqueles homes combativos que eran lideres nas súas fábricas e darlle contido político á loita sindical.

Destes conflitos e mobilizacións do ano 1972 e posteriores, xorden os primeiros xermes sindicais en Galicia, que logo constituirían o SOG (Sindicato Obreiro Galego) e hoxe a CIG, sendo MR un dos seus principais impulsores, do que da conta o auto sumarial nº  1498/72 do xulgado de Orde Pública de Madrid de 9 de novembro de 1972. 

MR foi consecuente co seu compromiso sindical e político e como reza no documento de recoñecemento persoal da Memoria Histórica, foi obxecto de persecución e violencia polo único delito de ser un militante nacionalista e na defensa activa do movemento sindical.

 A familia de MR, sente non poder estar presentes neste emotivo acto, pero con este texto queremos deixar constancia do noso agradecemento e satisfacción e felicitar ao padroado da Fundación por este recoñecemento, en especial ao camarada Uxío Breogán que tivo a paciencia e a constancia necesaria para aturar as dificultades e os obstáculos que a burocracia institucional interpuxo para intentar boicotear esta iniciativa.

Manuel Reboiras en representación da familia.

10 de Marzo de 2013. 

cig.prensa@galizacig.com