Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 7/3/2013
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Delegados/as da CIG ocupan a Confederación de Empresarios de Pontevedra para reclamar a reactivación da negociación colectiva

Denuncian que os atrancos da patronal para a renovación dos convenios provocará un empeoramento das condicións laborais de 400.000 traballadores/as
Máis de 200 delegados e delegadas da CIG ocuparon hoxe durante máis dunha hora a sede da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) en Vigo para reclamar a reactivación da negociación colectiva xa que, segundo denuncian, os atrancos que a patronal está a poñer para a renovación dos acordos provocará que case 400.000 traballadores/as galegos/as perdan dereitos laborais e poder adquisitivo. A protesta, que se enmarca na campaña de conmemoración do Día da Clase Traballadora Galega, ten por obxectivo trasladarlle ao empresariado “a grave situación que a súa actitude está a provocar ao abeiro das últimas reformas legais impostas polos sucesivos gobernos centrais no seu beneficio”.

A mobilización comezou arredor das 11.15 horas coa entrada pacífica na sede da patronal pontevedresa, na rúa García Barbón de Vigo, de arredor de 150 delegados/as da CIG, que ocuparon os corredores e unha sala. Fóra outro medio cento de persoas despregou unha faixa co lema “A negociación colectiva é un dereito”. Sobre as 12.30 horas remataba sen que se rexistrara ningún tipo de incidente.

A protesta, que se en enmarca nos actos conmemorativos do Día da Clase Traballadora Galega o 10 de marzo, incluíu a entrega dunha carta ao presidente da CEP na que se lle insta a reconsiderar a actitude do empresariado e a activar a negociación dos convenios cuxa ultravixencia está a piques de concluír.

Na misiva lémbrase que coa limitación da ultravixencia dos convenios decretada na última reforma laboral “enfrontamos un horizonte dramático no que decenas de convenios (de ámbito galego, máis sobre todo provincial e de empresa) corren o risco de desaparecer, o que suporá a perda de dereitos e de poder adquisitivo de case 400.000 traballadores/as e traballadores en toda Galiza, que verán referenciadas as súas condicións no mellor dos casos a convenios de rango superior con peores condicións e no peor ás infracondicións recollidas no Estatuto dos Traballadores. Ao mesmo tempo, advírtese de que esta modificación supón tamén “finiquitar un modelo de interlocución que provocará un incremento substancial e unha radicalización da conflitividade laboral”.

Neste senso, critícase que logo de 35 anos de negociación dos convenios colectivos “asistimos a un deliberado bloqueo practicamente total causada pola negativa das organizacións empresariais a abordar a renovación de convenios. Somos plenamente conscientes de que esta estratexia antiobreira, que fai completamente inviábel a paz social, ten por obxecto aproveitarse das reformas laborais e da negociación colectiva deseñadas por PSOE e PP en beneficio do empresariado, permitíndolles desta maneira o empobrecemento salarial e unha regresión de dimensións históricas en dereitos e garantías de carácter laboral. Dinamitan a negociación colectiva para seguir a alargar o seu lucro a costa de empobrecer a maioría social. Empobrecemento que, ademais, está a provocar un agravamento dos efectos da vixente crise, ao agudizar a queda do consumo como consecuencia lóxica da perda de poder de compra das clases populares, o que resulta paradoxalmente tamén no esmorecemento de tecido empresarial”.

Finalmente, no escrito anúnciase que a CIG, principal forza sindical en número de delegados/as e que representa a máis de 22.000 traballadores/as na comarca de Vigo, “está en condicións e con plena disposición de enfrontar a súa brutal ofensiva, coa firmeza e combatividade demostrada ao longo da nosa historia e da que teñen abondosa experiencia. O sindicalismo nacionalista e de clase non cederá a súa chantaxe coa que pretenden forzar a sinatura de acordos que supoñan retrocesos e perda de dereitos. Se insisten nese propósito e no bloqueo da negociación colectiva, contarán coa nosa activa e frontal oposición”.

cig.prensa@galizacig.com