Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 7/4/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG-Ensino denuncia que se agudiza a actitude antigalega e antinegociadora da consellaría de educación

Na Mesa sectorial negouse a aceptar ningunha das propostas presentadas en relación coa nosa lingua
A CIG-Ensino vén de denunciar que na Mesa Sectorial celebrada o martes 6 de abril a consellaría de Educación intensificou a súa actitude contraria ao noso idioma. Entre os temas a tratar estaban os artigos relacionados coa regulamentación dos Equipos de Normalización Lingüística nas Escolas Oficiais de Idiomas e nos Conservatorios de Música e Danza. A CIG-Ensino afirma que Educación non aceptou ningunha proposta e mesmo manifestou a súa negativa a falar do tema.

A CIG-Ensino explica que seguindo a liña do borrador de Decreto presentado, a Consellaría desterrou a palabra “normalización” do documento, nun intento de negar a realidade sociolingüística do noso idioma, que segue precisando de ser normalizado. “É máis, esta teimosía da Consellaría, entra en contradición coa mesma Lei de Normalización Lingüística que di expresamente no seu artigo 12 que a Xunta de Galicia regulamentará a normalización do uso das linguas oficiais no ensino”.

Para a CIG-Ensino, esta actitude pon de relevo o seu intento de “terxiversar” a realidade e “negar o evidente”, para continuar agredindo o noso idioma, adiantándose ao remate da negociación do Decreto ao eliminar a denominación de “normalización” para os Equipos.

Eliminación do Proxecto Lingüístico

Nesta actitude, a Consellaría elimina a elaboración do Proxecto Lingüístico nas Escolas Oficiais de Idiomas, cando a súa propia proposta de Decreto di que “Coa finalidade de promover o uso do galego nos centros, establecerase un programa regular de actividades de fomento da lingua en cada centro educativo, no marco do seu proxecto lingüístico” ou que “Cada centro, dentro do seu proxecto educativo, elaborará o seu proxecto lingüístico”. Ao mesmo tempo eliminan a competencia principal que a estes equipos lles corresponde que é “fomentar o uso da lingua galega”.

Falta de diálogo

Para a CIG-Ensino, a actitude de falta de diálogo foi a tónica dominante nunha mesa en que non se deron avances nun documento da importancia do Regulamento Orgánico en que se fixa o funcionamento dos centros educativos, e que mesmo significa un retroceso no relativo a formación do profesorado (elimínase o coordinador de formación), elaboración das probas de certificación nas Escolas Oficiais de Idiomas ou a avaliación dos centros, negándose ademais a avanzar en cuestións de xustiza como o recoñecemento económico e administrativo para as persoas que realicen substitucións dos cargos directivos.

A CIG-Ensino sinala, ademais, que evitaron recoller as referencias ás reducións horarias para os distintos cargos e coordinacións e non aceptaron negociar ao mesmo tempo as ordes que terán que desenvolver estes Decretos.

Emenda á totalidade

No Consello Escolar de Galiza, que terá lugar esta tarde, tratarase novamente da situación do galego no ensino. A CIG-Ensino defenderá unha emenda á totalidade na que pedirá a retirada do documento para retomar o consenso lingüístico acadado no ano 2004 co Plan Xeral de Normalización. A CIG presentou tamén 53 emendas ao conxunto do documento e agardamos que o ditame do Consello Escolar sexa, novamente, un cuestionamento á actitude antigalega da Consellaría.

Mentres se desenvolva a reunión, os delegados e delegadas da CIG-Ensino participarán na concentración convocada pola Plataforma Queremos Galego, en San Roque ás 16:30 horas.

cig.prensa@galizacig.com