Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 7/5/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Arredor de 100 delegadas/os do comercio téxtil repiten manifestación en Vigo en demanda da renovación do convenio sectorial

As protestas quedaron aprazadas á espera do que aconteza na xuntanza da mesa negociadora o vindeiro 10 de maio
Delegados e delegadas do comercio téxtil manifestáronse novamente esta mañá en Vigo en demanda da renovación do convenio da provincia de Pontevedra, cuxa vixencia expirou en decembro de 2008. Dende a CIG-Servizos critican a actitude adoptada polo grupo empresarial Inditex que, a pesar de contar co maior número de estabelecementos no sector, négase a participar na mesa negociadora.

Arredor de 100 delegados e delegadas das tres centrais sindicais participaron na terceira xornada de mobilizacións en demanda da renovación do convenio provincial do comercio téxtil. A protesta arrancou ao mediodía dende a rúa do Príncipe e marchou ao berro de “Ortega chulazo, reparte con nós os cartos” ou “Ortega, nós tamén queremos ter un barco”, en referencia ao fundador e presidente do grupo empresarial Inditex, Amancio Ortega, a quen a revista Forbes incluíu entre as dez persoas máis ricas do mundo.

A manifestación, segundo explicou a Secretaria Comacal da CIG-Servizos de Vigo, Tránsito Fernández, discorreu até a rúa Urzaiz con Gran Vía, facendo parada diante das tendas da cadea Inditex, de onde procedían a maioría dos delegados e delegadas que participaron na mobilización. Fernández tamén indicou que as manifestacións quedaron aprazadas á espera do que aconteza na xuntanza prevista para o próximo 10 de maio.

Inditex négase a participar na negociación

A mesa da comisión negociadora aínda se constituíu o pasado 28 de abril e nela só está representada unha asociación empresarial. Inditex, o grupo con máis estabelecementos no sector, négase a participar no proceso.

No convenio que aínda segue vixente as dependentas e dependentes, categoría á que pertencen a maioría das traballadoras/es do sector, teñen uns salarios de 834 €. A parte social demanda que en 2 anos se chegue aos 1.000 € e que se proceda a un incremento salarial lineal para o resto das categorías.

Ademais, como se trata dun sector moi feminizado, preténdense introducir melloras que favorezan a conciliación e que no momento no que haxa unha contratación a tempo completo se priorice ás traballadoras/es que están con contratos a tempo parcial, que son a maioría.

cig.prensa@galizacig.com