Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 7/5/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Unha bota que non aguantou o ritmo.

Os traballadores de Francisco Parada chegarán o sábado pola tarde a Compostela

Os compañeiros trasladaranse á capital galega para recibilos e recoñecer o seu esforzo
Os traballadores de Francisco Parada agardan culminar mañá a súa peregrinación reivindicativa a Compostela, logo de catro xornadas de marcha para cubrir o camiño francés dende Sarria. Aínda que un dos traballadores tivo que abandonar a marcha tras a recomendación dos servizos sanitarios por mor das numerosas feridas que presenta nos pés, os outros dous operarios continúan a súa protesta a bo ritmo.

A primeira hora desta mañá retomaban novamente o camiño, co cansazo dos 40 quilómetros cubertos na etapa do xoves, acompañados desta volta pola choiva. A media mañá, tras pasar Melide, un dos traballadores, Diego Rama, veuse na obriga de abandonar a marcha e seguir a recomendación dos sanitarios dun albergue que lle advertiron da posibilidade de que se lle infectase algunha das bochas dos pés.

Non obstante, os outros dous traballadores proseguiron a marcha até Salceda, onde pararán para xantar e descansar un anaco, para retomar a peregrinación pola tarde coa intención de camiñar 10 quilómetros máis.

Recibidos polos compañeiros

De cumprirse as súas expectativas, estarán na capital galega a primeira hora da tarde do sábado, momento no que irán selar a última etapa da compostelá para cumprir co camiño, tal e como manda a tradición. A Santiago tamén se van trasladar os demais compañeiros que teñen denunciado ao empresario (e que por diferentes motivos non puideron participar nesta peregrinación) para recibilos con todas as honras gañadas polo seu esforzo.

Neste senso, Diego Rama, agradeceu os ánimos e a solidariedade amosadas polos seareiros do grupo de apoio do facebook e apuntou que o seu sacrificio ten a recompensa da denuncia pública. “Sabemos que o empresario non nos vai pagar, pero cando menos queremos que a xente coñeza a este individuo para que non poida seguir estafando á xente”, aseverou.

Xuízo en xullo

Os traballadores acordaron iniciar esta peculiar protesta co obxectivo de denunciar publicamente a súa difícil situación laboral e visibilizar a conflitividade existente nesta empresa, dedicada á comercialización e instalación de materiais de alta gama para cuartos de baño.

Estes seis traballadores teñen presentado até o momento cinco demandas xudiciais contra a empresa para esixir a extinción dos seus contratos, reclamar os salarios pendentes do ano pasado, os atrasos de convenio correspondentes a 2008 e 2009, os meses de baixa que non foron abonados, así como demandar a diferenza da porcentaxe de convenio nas baixas.

A data do primeiro xuízo está sinalada para o vindeiro xullo, mentres que as demandas relacionadas coas cuestións económicas non se celebrarán até 2011, polo que os traballadores afectados cobrarán ano e medio máis tarde do que legalmente lles correspondería.

cig.prensa@galizacig.com