Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 7/5/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG apoia a proposta do BNG de crear unha banca pública galega

Representantes da central sindical reuníronse, esta luns, con representantes da organización política nacionalista para coñecer os detalles da iniciativa
O BNG presentou esta mañá á CIG a súa proposta de creación dunha banca pública. A alternativa foi acollida moi favorabelmente pola central sindical que, como lembrou Suso Seixo, secretario xeral, vén defendendo a necesidade deste instrumento financeiro para reactivar a economía, crear emprego e facilitar a saída da crise económica, desde o comezo da mesma.

O secretario xeral da CIG, acompañado da secretaria de Organización, Elvira Patiño, do secretario nacional da federación de Banca, Clodomiro Montero, e da secretaria confederal de Muller e Mocidade, Margarida Corral, reuníronse esta mañá co portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, a responsábel de Organización, Montse Prado e o economista Xavier Vence.

A xuntanza celebrouse a instancias do BNG, que ten deseñada unha campaña para a presentación da proposta de creación dunha banca pública a todo tipo de organizacións sociais, políticas e sindicais, a comezar pola CIG, co obxectivo de sensibilizar e sumar apoios para a súa efectiva posta en marcha.

Ao remate do encontro, o secretario xeral da CIG e o portavoz nacional do BNG compareceron en rolda de prensa para presentar unha valoración conxunta da xuntanza a da propia proposta.

A este respecto, Suso Seixo salientou a importancia de articular unha alternativa pública nun sector estratéxico como o financeiro, máis cando o propio Banco de España sinala, entre as causas de decrecemento económico, a falta de crédito, que “afecta especialmente a pequenas e medianas empresas”, por unha banda e, pola outra, o descenso do consumo interno, provocado “polos baixos salarios e a precariedade, pero tamén pola falta de crédito ás familias”.

 Xunto a isto, denunciou a inxección de recursos públicos á banca privada, que está a destinar estes cartos a especular coa débeda pública, provocando o seu incremento e dificultando a saída á crise. Por iso insistiu na necesidade deste instrumento para achegar recursos ás pequenas empresas e, ao tempo, garantir aos pequenos aforradores que os seus cartos non se porán en risco, como aconteceu coa estafa das participación preferentes.

O secretario xeral da CIG salientou a valentía do BNG por presentar e defender esta alternativa e o pragmatismo da propia proposta, para a que demandou o máximo apoio social para presionar aos responsábeis políticos e obrigalos á súa asunción e posta en marcha.

Do mesmo xeito, apostou por aproveitar a situación actual de Novagalicia Banco para a súa nacionalización, xa que nestes momentos ten o 90% dos seus recursos en mans do FROB, e por paralizar calquera proceso de poxa da entidade a prezos de saldo.

Porén, denunciou que tanto o PP como o PSOE tiñan xa pactado favorecer un proceso de concentración do sistema bancario, que só vai favorecer a acumulación de beneficios por parte duns poucos, dificultando, ao tempo a saída da crise.

Pola súa banda, o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, insistiu en que non vai a haber solucións sen corrixir as causas e, entre estas apuntou o papel da banca privada e “a súa ineficiencia e ineficacia, especialmente evidente no caso de Galiza”.

Por iso, fixo especial fincapé en que a proposta está formulada “desde e para Galiza”, e en función dos intereses do país, da súa pequena e mediana empresa e dos aforradores e aforradoras galegos/as.

Lamentou que o futuro de Novagalicia Banco estea xa decidido, para a súa venda a prezo de saldo, e asegurou que se se está a producir unha demora é para evitar que Feijoo apareza como “enterrador das caixas”.

Aínda así, sinalou que a creación dunha banca pública galega non depende do futuro de NCG, senón de que exista vontade política e unha concepción diferente do papel que debe desenvolver o banca. De feito, afirmou que está decidida unha nova inxección de cartos públicos na banca privada. Inxección que, alertou, provocará un incremento da débeda pública, dos intereses e, en consecuencia un endurecemento dos recortes. Por iso, concluíu, “non é un problema de cartos, senón de como se utilizan”.

A proposta do BNG é que a Xunta de Galiza se faga cargo de Novagalicia Banco, apostando por unha ferramenta financeira vinculada ao territorio galego que priorice o crédito. Un instrumento que serviría para o desenvolvemento do país e “non para que os banqueiros sigan engordando a súa conta de beneficios”.

O portavoz nacional da formación nacionalista convidou a PP e PSOE a pronunciarse e a abrir un debate para camiñar cara unha vía diferente. Lembrou que en Europa e noutros estados capitalistas existe banca pública e sinalou que a posibilidade para creala non se esgota en NCG, porque o propio documento co que traballa o BNG contempla outras alternativas.

cig.prensa@galizacig.com