Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 7/8/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Prepárase o procedemento para os despedimentos colectivos nas administracións públicas

Inclúese no decreto lei que prepara o goberno para adaptar á reforma laboral o despedimento colectivo, de suspensión de contratos e redución de xornada
O PP ten preparado xa o borrador do “Proxecto de Real decreto polo que se aproba o regulamento dos procedementos de despedimento colectivo e de suspensión de contratos e redución de xornada”.  Un texto co que se pretenden incorporar as modificacións aprobadas na reforma laboral ao Estatuto dos Traballadores/as e que afecta a todos os sectores, incluídas as administracións públicas e, xa que logo, á Xunta de Galiza.

O documento inclúe, no Capítulo I do seu Título III as “Normas específicas dos procedementos de despedimento colectivo do persoal laboral ao servizo dos entes, organismos e entidades que forman parte do sector público”. E no Capítulo II o “Procedemento de despedimento colectivo aplicábel nas Administracións Públicas”.

Para o primeiro caso, o procedemento será igual que o previsto para os despedimentos colectivos en calquera empresa privada. Para o segundo, as causas serán tamén económicas, técnicas, organizativas ou de produción, pero delimítanse os criterios para entender que concorren esas causas.

Respecto das causas económicas, entenderase que concorren:

A)    Cando as subvencións nominativas do Departamento, consellaría ou entidade local, ente ou organismo teñan diminuído, cando menos un 10% respecto do exercicio anterior”.

B)    Cando as transferencias de capital correspondentes ás citadas entidades teñan diminuído un 10% respecto do exercicio anterior.

C)    Cando a aportación orzamentararia do convenio ou contrato programa que tivera concertado o ente, organismo ou entidade de que se trate teña diminuído, cando menos un 10%, respecto do exercicio anterior

D)    Cando se teña adoptado un acordo de non dispoñibilidade que afecte ao departamento, consellaría, entidae local, ente ou organismo de que se trate.

Entenderase que concorren causas técnicas cando se produzan cambios, entre outros, no ámbito dos medios ou instrumentos da prestación do servizo público ou actividade de interese xeal de que se trate e que concorren causas organizativas cando se produzan cambios no ámbito dos sistemas e métodos de traballo do persoal adscrito ao servizo público ou actividade de interese xeral.

Para a CIG-Administración o feito de que se desenvolva esta regulamentación é un elemento “devastador” que vai afectar a todo o persoal, non só temporais e indefinidos, senón mesmo ao persoal laboral fixo que ten superado procesos selectivos para o acceso a tal condición.

Segundo o procedemento previsto, denuncia que será a propia administración quen decida sobre despedimentos colectivos na administración. Para iso, advirte, abóndalle con infradotar orzamentariamente cun 10% a calquera ente para que se entre nun proceso de despedimento colectivo para xustificar as causas económicas previstas.

No caso de causas organizativas, alerta de que abondará con xustificar que o servizo se poida prestar externamente reducindo custos e de que o único criterio para priorizar a afectación dos despedimentos vai ser o ter pasado un proceso selectivo. “A partir de aí non existen criterios, nin a antigüidade, nin ningún outro, quedando expedita a vía da selección arbitraria por parte da Administración de a quen despedir e a quen non”.

Do mesmo xeito, denuncia que este decreto lei constituirá unha referencia para a modificación do EBEP de cara a rematar coa permanencia dos/as empregados/as públicos/as, “especialmente dos funcionarios/as de carreira, que poderían ver como no futuro desaparece calquera garantía neste sentido”, afirman.

Considera que “é un paso máis, non só para reducir a administración, senón tamén para privatizala, ao permitir que empresas privadas asuman tarefas desenvolvidas por empregados públicos”.

Denuncia que “un borrador desta importancia para a xeneralidade dos empregados públicos”, non fose posto no seu coñecemento. Lembra que soubo da súa existencias “durante a rolda de intervencións da Mesa Xeral de Empregados Públicos da Xunta de Galiza, o pasado mércores 1 de agosto, cando a Dirección Xeral da Función Pública anunciou que estaba en trámite esta disposición a nivel do Estado”.

Considera inadmisíbel que non se lle facilitara ningún documento, malia teren a consideración de sindicato máis representativo e con presenza na Mesa Xeral de Administracións Públicas en Madrid. Máis cando outras organizacións sindicais dispoñen deste borrador como mínimo desde o 27 de xullo, data do documento do que hoxe se fai eco a prensa e que xa a está a circular por internet.

En todo caso, rexeita que se veñan de facer alegacións por parte dalgunhas centrais sindicais “no canto de oporse de plano este aberrante Real Decreto”.

Por iso, fai un chamamento a todos/as empregados/as publicos/as a continuar mobilizándose contra todas as medidas de destrución das Administracións Públicas e dos Servizos Públicos.

A CIG está estudando o conxunto do borrador para ver como afecta aos procedementos de despedimento colectivo e de suspensión de contratos e redución de xornada en todos os sectores.

cig.prensa@galizacig.com