Louzao refírese aos paros convocados para os días 9 e 10 de setembro nas Escolas Oficiais de Idioma en contra da circular 5/2009, na que se ditan instrucións sobre o procedemento de admisión e matrícula e organización académica destes centros e que suporá unha redución da calidade do ensino dos idiomas e das condicións do profesorado.
O responsábel da CIG-Ensino criticou as medidas adoptadas até o momento pola Consellaría de Educación, que, indicou, están dirixidas a favorecer ao ensino privado en detrimento do sistema público. Respecto disto lembrou que a administración galega aproveitou o período estival para levar a cabo unha serie de medidas “retrógradas”, tentando evitar a contestación social.
Así, lembrou, en agosto publicouse a orde pola que se conceden os concertos educativos a centros privados, mesmo renovando o financiamento a aquelas escolas que segregan ao alumnado por razóns de sexo, vulnerando deste xeito a lexislación actual. “A Consellaría continúa dotando economicamente os centros privados de Galiza, destinando 258 millóns de euros ao ano”, explicou o responsábel da CIG-Ensino, “e incrementáronse en 15 os concertos educativos”.
Deste xeito, no curso que comeza, en cinco grandes cidades, agás Lugo e Pontevedra, o ensino privado será maioritario, ao tempo que se reducen as prazas públicas de 0-3 anos coa supresión de 156 unidade e 249 postos, dos que 23 corresponden a centros que se pechan. En secundaria, na adxudicación provisional, son 550 profesores e profesoras os/as que quedarán sen destino, o que supón un despedimento dun número importante de traballadores/as.
Falta de profesorado
Esta situación choca coas demandas de persoal nos centros que continúan sen estar cubertos. Por reste motivo, Anxo Louzao urxiu á Consellaría a buscar un Acordo pola estabilidade que permita fixar os cadros de persoal necesarios en cada colexio e evitar que se repitan cada ano a mesma situación.
Así mesmo, o responsábel da CIG-Ensino recordou que está sen aplicar o acordo de 2007 que supón un avance tanto nos cadros de persoal como nas condicións laborais dos mesmo, que se produciu un retroceso en formación de profesorado, ou que o 20% dos asesores dedicados a esta tarefa desapareceron.
Actitude ditatorial
Dende a Federación do Ensino da CIG alertaron tamén da “actitude ditatorial” amosada pola Consellaría dirixida por Jesús Vázquez ao non negociar coas organizacións sindicais as mudanzas introducidas no sistema educativo, a pesar da súa relevancia. Neste senso referiuse á urxencia con que se mudou o modelo e a simboloxía das Galescolas, a eliminación da gratuidade dos libros de texto, a supresión de unidades para reagrupar alumnos ou a consulta a pais e nais sobre o uso do galego, co obxecto de reducir a presencia do noso idioma nas aulas.
Anxo Louzao avanzou que o curso vai estar marcado pola “xudicialización” e lembrou que a central ten recorridas as subvencións aos centros que segregan alumnado por razón de sexo, o currículo escolar, a enquisa-trampa sobre o uso do galego, ou circular das Escolas Oficiais de Idiomas.
Consellaría estragadora
Nun momento no que o director xeral de Orzamentos acaba de anunciar que a Consellaría de Educación non será prioritaria no reparto dos cartos públicos, un feito que para a CIG é altamente preocupante, o responsábel da CIG-Ensino criticou duramente á Consellaría por “promover gastos superfluos”, especialmente en campañas e medidas destinadas a reducir a presenza do noso idioma nas escolas, tal como o inquérito aos pais/nas ou a campaña publicitaria a respecto do novo modelo para os libros de texto.
“Non aceptaremos ningún retroceso nos pequenos avances que se teñen acadado a respecto do uso do galego”, afirmou Louzao, e lamentou a présa da administración para modificar o currículo de educación infantil, a Lei da Función Pública, ou mudar o currículo de dous ciclos formativos de FP que teñen que ver coa especificidade da nosa cultura, tal como o caso do módulo de Cociña “A Vangarda da Cociña Galega”.
Demandas urxentes
Dende a CIG-Ensino reclaman tamén un maior orzamento, un maior esforzo en defensa do ensino público, a retirada da circular das EOI, o compromiso de negociación na Mesa Sectorial, reabrir unha negociación de retribución do profesorado en contra da conxelación salarial, exixir á elección democrática dos directores dos centros integrados, a redución horaria dos maiores de 55 anos, o dereito recoñecido a ter unha revisión médica gratuíta anual (ao igual ao que o resto dos colectivos de traballadores/as), un acordo sobre xubilación anticipada, a negociación do Estatuto Galego do Profesorado, a actualización dos regulamentos orgánicos dos centros, ou un plano de formación do profesorado.
Así mesmo exixiuse á Consellaría de Educación unha meirande atención á diversidade e a creación dun plano de actuación integral para reducir o fracaso escolar, cando “nos atopamos ante parámetros do 30% abandono escolar no alumnado de entre 18-20 anos ou a cifra de que o 25% dos escolares non acada o graduado ESO”.