A central nacionalista agarda que a autoridade laboral inicie un expediente sancionador contra a empresa situada no Polígono das Pedreiras ao entender que, lonxe de garantirlle a protección prevista na normativa vixente, decidiu sancionala cunha falta moi grave por abandonar a fábrica para acudir aos servizos médicos. Esta actitude, ademais de conculcar a normativa de prevención de riscos laborais, está tipificada como falta grave no artigo 12.7 da Lei de Infraccións e Sancións na Orde Social xa que lle provocou unha incapacidade temporal de 14 días por síndrome ansioso depresivo.
Finalmente, o Xulgado do Social número 3 de Ourense anulou a decisión da compañía hispano-suíza ao entender que a suspensión de emprego e soldo durante 15 días decretada pola empresa “non cumpriu o requisito de legalidade xa que non aparece escrita en ningún texto vixente”. A sentenza, contra a que non cabe recurso, tamén establece que a empresa deberá devolverlle á traballadora as cantidades que deixou de percibir no tempo que durou a sanción.