O Secretario Comarcal da FGAMT-CIG de Ferrol, Alexandre Romero saíu ao paso das declaracións do alcalde de Miño, aseverando que a institución local era coñecedora de que a empresa concesionaria do servizo de socorrismo estaba a cometer irregularidades que poderían pór en perigo aos usuarios/as da praia, aínda que non adoptou ningún tipo de medida correctora ao respecto. “Como sempre, agárdase a que haxa vítimas inocentes para que as distintas administración se vexan na obriga de actuar”, criticou, en referencia ao suceso acontecido a pasada fin de semana cando unha muller tivo que ser rescata por varios bañistas, ante a falta de celeridade por parte do servizo de socorrismo.
Romero subliñou que no ano 2006 a FGAMT-CIG comezou unha campaña polos Concellos da Comarca avisando que poderían ser sancionados por presuntos delitos contra a Seguridade Marítima, en relación aos patróns das embarcacións de Salvamento e Socorrismo nas praias. Nesta campaña informábase aos Concellos da súa responsabilidade subsidiaria nas subcontratas que realizan á empresas de servizos que non contan con persoal profesional para o manexo destas embarcacións. “Estas empresas, saltándose a Lei á lixeira, contratan persoal titulado en Socorrismo Acuático e con titulacións náuticas de recreo, pero que non son válidas para o manexo de embarcacións de salvamento”, aclara.
Ademais, Romero explicou que o Concello de Miño e a empresa concesionaria do servizo teñen cadansúa denuncia por un presunto delito contra a seguridade marítima, presentadas na Subdelegación do Goberno o pasado 22 de xullo. Denuncias que tamén foron remitidas á Capitanía Marítima de A Coruña o 28 de xuño. Dende a FGAMT-CIG remitiuse, posteriormente, un escrito demandando información sobre o asunto, que aínda non tivo resposta.