Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 7/9/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

O Comité de Pull&Bear Loxística convoca folga os días 28,29 e 30 de setembro e paros de unha hora os domingos e martes

En demanda dun convenio que recolla melloras salariais axeitadas ao nivel de beneficios do grupo empresarial
O Comité de empresa de Pull&Bear Loxística de Narón vén de convocar folga para os días 28,29,30 de setembro e 1 de outubro para esixir un convenio digno que recolla melloras salariais e sociais acordes cos resultados económicos presentados polo Grupo Inditex hai uns días. Así mesmo, os traballadores e traballadoras están secundando paros de unha hora todos os domingos e martes nas quendas de noite e mañá, respectivamente. Medidas de presión que contan coa participación da práctica totalidade do persoal.

Diante da falta de avances na negociación do novo convenio, iniciadas xa o pasado mes de febreiro, o Comité de Pull&Bear Loxística de Narón acordou convocar folga interrompida dende ás 06:00 horas do 28 de setembro até ás 3:00 horas do 1 de outubro, en demanda de melloras retributivas. Ademais, os traballadores e  traballadoras desenvolverán paros de unha hora de duración todos os domingos e martes deste mes, que están sendo secundados pola maioría do cadro de persoal. No caso de que non se produzan avances, a convocatoria de folga repetirase novamente os días 5,6,7, 10 e 11 de outubro.

“Parécenos insultante que vendo os resultados económicos do Grupo Inditex (máis de 1.300 millóns de euros o pasado exercicio) e logo de incrementar un 14% as retribucións dos directivos, a empresa poña a escusa da crise para non aplicarnos unha suba salarial digna”, lamenta Pedro Picos, da sección sindical da CIG en Pull&Bear. O delegado explica que a empresa ofertou un incremento do 4% para este ano e do 3% para o próximo. Aumento que os traballadores/as consideran insuficiente dadas as enormes ganancias do xigante do téxtil.

Nesta liña, Pedro Picos lembrou que o persoal da plataforma de Narón percibe até 300 euros menos ao mes que os compañeiros e compañeiras de centros de traballo similares do grupo, incluso dentro da mesma provincia. Dende a CIG reclámase aos responsábeis da empresa que acheguen unha proposta de negociación real, que permita acadar un convenio digno en consonancia cunha compañía de beneficios millonarios.

cig.prensa@galizacig.com