Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 7/9/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG chama a participar na manifestación convocada este sábado 8 de setembro en defensa dos servizos públicos

A marcha sairá ás 11:30 horas dende a Alameda de Compostela
A CIG anima a toda a cidadanía a participar na manifestación que a Plataforma Galega en defensa dos servizos públicos ten convocada mañá, sábado 8 de setembro, en Compostela, para amosar o rexeitamento ao deterioro dos servizos públicos e das condicións laborais da clase traballadora.

A marcha, que se desenvolverá baixo o lema “Na defensa dos servizos públicos. Non ao recorte dos nosos dereitos”, sairá ás 11:30 horas dende a Alameda e rematará diante do Complexo administrativo da Xunta en San Caetano, onde se procederá á lectura dun manifesto conxunto.

Para a Área Pública da CIG (Ensino, Saúde e Administración Pública) as medidas promulgadas mediante o RDL 20/2012 e a Lei Galega 9/2012 do 3 de agosto, favorecen a destrución de emprego e dos servizos públicos e van encamiñadas a garantir o pagamento do rescate ao sector financeiro, verdadeiro causante da crise.

Para a CIG é obvio que o conxunto de medidas do PP teñen como obxectivo último desmantelar todas as conquistas sociais e laborais no sector público, xa que non se está só a falar de reducir salarios ou eliminar pagas extra senón tamén de destruír emprego reducindo a administración e, polo tanto, eliminando os servizos que até o de agora esta prestaba para provocar a súa privatización.

A Área Pública da CIG alerta de que o obxectivo de todo este paquete de medidas é  ir eliminando dereitos sociais e laborais, pero tamén dereitos democráticos, para restar capacidade de resposta ás organizacións sociais e políticas que cuestionan o modelo económico, político e social defendido polo PP. Por iso reitera a importancia de mobilizarse e manifestar o máis rotundo rexeitamento non só a estes recortes, senón tamén ao grave retroceso que estamos padecendo nos nosos dereitos democráticos e nacionais.

cig.prensa@galizacig.com