Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 7/9/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Centos de delegados/as mobilízanse en defensa da negociación colectiva como ferramenta fundamental da clase obreira

A CIG chama a organizarse e continuar coa contestación social para esixir un cambio de políticas e impedir a aplicación da regresiva reforma laboral do PP nos convenios colectivos
Delegados e delegadas da CIG, UGT e CCOO realizaron concentracións este venres diante das sedes das asociacións de empresarios nas sete cidades galegas e Vilagarcía en defensa da negociación colectiva como unha das ferramentas básicas da clase traballadora para mellorar as súas condicións de vida e laborais. A CIG denuncia que o proceso de renovación dos convenios está practicamente paralizado pola decisión política de determinadas asociacións empresariais de sector que están levando ao límite a vixencia e ultraactividade dos convenios, co obxectivo de provocar unha perda de dereitos e unha rebaixa dos salarios.

As concentración de delegados e delegadas celebradas este venres foron acordadas polas tres organizacións sindicais para denunciar as graves consecuencias que ten a paralización da negociación colectiva para o conxunto da clase traballadora e na procura de sentar as bases de cara a conseguir impedir que as lesivas medidas da reforma laboral do PP se apliquen nos diferentes convenios colectivos.

Neste senso, o Secretario Xeral da CIG, Suso Seixo, advertía no decurso da concentracións realizada en Compostela, que os cambios introducidos coa reforma laboral (maiores facilidades para o descolgue, priorización dos convenios de empresa ou a limitación da ultraactividade do marco normativo a un ano) “claramente buscan provocar unha caída das condicións e dereitos laborais recollidos nos convenios colectivos, así como unha rebaixa xeneralizada dos salarios”.

Actualmente, o proceso de renovación dos convenios está practicamente paralizado pola decisión política de determinadas asociacións empresariais de sector que están levando ao límite a vixencia e ultraactividade dos convenios. Isto ocasiona un retroceso de dereitos e salarios e, segundo os cálculos realizados pola central nacionalista, apuntou o Secretario Xeral, nos vindeiros dous anos poderíase producir unha caída de até o 20% dos salarios dos traballadores e traballadoras.

Estas políticas impostas polo Goberno do PP e, reclamadas pola patronal, perseguen debilitar a negociación colectiva e deixar sen operatividade este dereito da clase traballadora como ferramenta fundamental á hora de conseguir melloras nas condicións laborais e de vida. Porén, con esta aposta pola precarización da maioría social, o Partido Popular está contribuíndo ao empobrecemento da poboación e a un deterioro máis acusado e acelerado da economía, provocando unha caída dos dereitos laborais, unha superlativa precariedade e un descenso do consumo que condena ao peche a miles de pequenas e medianas empresas coa conseguinte multiplicación do desemprego.

Estes ataques contra o marco de relacións laborais creados nos últimos 35 anos hai que enmarcalos no contexto global de crise económica e no conxunto de medidas antisociais adoptadas polos gobernos, orientadas á conseguir que a saída á crise a pague a clase traballadora, ao tempo que se manteñen os beneficios do capital financeiro transferíndolle os recursos e as rendas da clase obreira. “Deste xeito, conseguen dous obxectivos: afondan no modelo de capitalismo neoliberal e á vez promoven mecanismos para debilitar a capacidade da clase traballadora para dar unha resposta efectiva”, denunciou Suso Seixo.

Contra esta situación compre organizármonos e continuar coa mobilización en todos os ámbitos, procurando a maior participación social, para mudar as políticas de recortes e avanzar na consecución dun novo modelo socioeconómico que responda aos intereses da maioría da poboación.

Galería de imaxes

cig.prensa@galizacig.com