Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 7/9/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

CIG-Banca advirte das graves consecuencias sociais e laborais que terá para NCG Banco a nova reestruturación financeira

O Real Decreto aprobado polo PP marca o camiño para o desmantelamento definitivo da entidade galega e pon en perigo miles de empregos
A CIG-Banca vén de advertir das graves repercusións laborais que terá o Real Decreto-Lei 24/2012 de reestruturación e resolución financeira aprobado polo goberno do Partido Popular, e no que se establece claramente que no caso de NCG Banco estamos ante o que eufemisticamente denominan “resolución ordenada”. A publicación dos resultados económicos da empresa neste momento, apuntan dende a Federación, trata de xustificar publicamente as medidas que o goberno central tomará en breve.

“Por fin coñecemos os termos do mal denominado rescate bancario, un proceso que ten gravísimas repercusións sociais e para o emprego tanto en Novagalicia Banco como para as empresas auxiliares e participadas. Só unha das entidades nacionalizadas ten garantido o futuro, Bankia, entidade que consideran sistémica, de aí que teña recibido un “anticipo” do rescate. Para o resto das entidades mantense a incerteza”, afirma o Secretario de CIG-Banca, Clodomiro Montero, nun comunicado.

As informacións emitidas parecen indicar que non haberá investidores privados para NCG Banco, xa que estes “non están” para sanear a entidade. Dende a central nacionalista alertouse dende o primeiro momento que non había tales inversores, senón “que estábamos ante unha manobra para eludir responsabilidades políticas por parte do Presidente da Xunta de Galiza despois do fracaso da fusión das Caixas ao mes de nacer novacaixagalicia. Foi daquelas, coa mal chamada fusión, cando se iniciou o que agora ten nome, o proceso de ‘resolución ordenada’”, asevera Montero.

Con estas perspectivas, puntualiza, no mellor dos casos a Entidade será desmantelada, pasando os activos tóxicos para o denominado “banco malo”; mentres que o resto dos activos e o pasivo poden pasar á denominada “banca ponte”. Porén, para coñecer o auténtico alcance das repercusións laborais que este proceso terá haberá que agardar até despois das eleccións. “O Real Decreto do PP, coa complicidade da Xunta de Galiza, esquece conscientemente a parte laboral, o futuro das 6.000 persoas que dun xeito ou doutro traballamos para NCG Banco en Galiza”, afirma Montero.

De igual xeito, haberá que agardar tamén por outra valoración da Entidade. Se na primeira non tiveron en conta o fondo de comercio, nesta xa se encargaron de reducir o valor deste a través da crise de confianza xerada ao redor da débeda subordinada. Cabe preguntarse porque o Banco de España  autorizou o troco das preferentes de CCM polo 100% do nominal cando esa Entidade xa estaba intervida e no caso de Novagalicia houbo un trato discriminatorio permitindo que se desatase unha crise de confianza.

Ante esta situación a CIG-novagalicia unha vez coñecido o Real Decreto e o argumentario remitido pola Dirección da empresa ao persoal, que fala do posíbel impacto laboral, ten solicitado maior información á Dirección. Así mesmo a central nacionalista ten intención de solicitar unha reunión co Ministerio de Economía e coa Xunta de Galiza para poñer abordar as repercusións no mantemento dos postos de traballo.

“Os traballadores e traballadoras de novagalicia, das empresas auxiliares e das participadas, estamos vivindo momentos difíciles, os peores da nosa historia, pero a nosa obriga é  loitar para manter os postos de traballo. Son máis de 6.000 as familias de toda Galiza as que dependen directamente do futuro que o Goberno decida para esta empresa. E farémonos escoitar, agora ou nunca”, advirten.

cig.prensa@galizacig.com