Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 7/9/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Miles de persoas esixen en Marín un acordo con Mauritania que permita o regreso dos cefalopodeiros galegos ao caladoiro magrebí

Ao remate da mobilización, convocada polos afectados/as e a CIG, denunciouse a inacción da Xunta de Galiza e do Estado español
Máis de 2.000 persoas percorreron en manifestación as rúas de Marín este mércores para reclamar un novo acordo entre a Unión Europea e Mauritania que permita o regreso da flota cefalopodeira galega ao caladoiro do país magrebí. Ao remate da mobilización, convocada polos mariñeiros/as afectados/as e a CIG, denunciouse a falta de apoio por parte da Xunta e do Estado español a unha industria da que dependen moitas familias do Morrazo e de Vigo.

O pasado 31 de xullo os 24 barcos conxeladores arrastreiros que faenaban en augas mauritanas -20 deles galegos, con tripulacións maioritariamente do Morrazo e Vigo- tiveron que abandonar o caladoiro do país magrebí despois de que rematase o anterior acordo entre a Unión Europea e Mauritania. Como consecuencia, numerosas familias quedan sen o seu principal modo de vida, situación que xa se deu con anterioridade coa expulsión dos barcos galegos de augas saharianas.

Nos últimos anos, segundo denunciaron os convocantes da protesta, a flota galega que faenaba en augas saharianas foise reducindo até a situación actual, pasando de 250 barcos aos 24 que quedaban a 31 de xullo. Tal e como lembrou o responsábel de CIG-Mar, Xabier Aboi, ao remate da manifestación, a nosa pesca foi a que perdeu máis peso dende a entrada na Unión Europea no ano 1986, “porque nunca foi defendida politicamente en beneficio doutros intereses económicos”.

Aboi asegurou ante os milleiros de persoas que se concentraron na Alameda de Marín ao remate da marcha que non existen razóns para que a UE ratificase un acordo que deixa fóra a flota cefalopodeira: “nin de tipo biolóxico, que son as que se adoitan aducir”. Neste senso, incidiu en que cada vez que a flota galega é obrigada a abandonar un caladoiro este é ocupado por flotas de terceiros países, “como nesta ocasión ocorre cos chineses, que veñen de firmar un acordo por 25 anos para faenar no caladoiro mauritano”.

Diante disto, reclamou a non ratificación do actual acordo pesqueiro co país magrebí; a apertura dunha liña de axudas á flota, que na actualidade non conta con ningún tipo de medida paliativa pola paralización da actividade; o inicio de negociacións para lograr o retorno da flota cefalopodeira a Mauritania; e a ampliación de acordos pesqueiros con terceiros países (Marrocos, Senegal...) onde non exista, como no caso sahariano, o veto á flota cefalopodeira.

Galería de imaxes da manifestación.

cig.prensa@galizacig.com