Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 7/9/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Profesorado e alumnos/as protestan contra os recortes no ensino durante o acto de inauguración do curso universitario na Coruña

A Federación de Ensino da CIG advirte da “covardía” de Feijoó que, ante a convocatoria da mobilización, decidiu non asistir ao acto
As protestas contra os recortes trasladáronse este venres á inauguración do curso universitario no paraninfo da Universidade da Coruña cunha concentración de alumando e profesorado na que participou tamén a CIG-Ensino. Neste acto, o Secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, denunciou que a política educativa do PP pon en perigo o mantemento do ensino como servizo público universal.

Anxo Louzao referiuse á “covardía” do presidente da Xunta de Galiza, que finalmente non acudiu ao acto no que si estivo o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez. “Non é capaz de enfrontarse a unha situación como esta, na que a cidadanía amosa o rexeitamento a súa política”, dixo.

“Medidas como a suba das taxas universitarias, con prezos desorbitados, ou a redución das bolsas provocarán que o acceso aos estudos universitarios para as clases populares e familias con menos recursos sexa case que imposible nun futuro inmediato”, engadiu Louzao.

Para a CIG-Ensino, nestes tres anos de Goberno, o PP amosou que  o seu obxectivo é reforzar o ensino público concertado en detrimento do público, no que se suprimen unidades e profesorado, até 2.500 na Lexislatura. No acto, Anxo Louzao lembrou que para este curso 2012-2013 os centros contará ademais con menos recursos e aulas masificadas que irán en detrimento da calidade.

As protestas contra os recortes continuarán o próximo luns 10 de setembro ás 11:00 horas, diante da Consellaría de Educación, en San Caetano, para denunciar a destrución de emprego público e a redución de dereitos laborais que afectan de xeito especial ao profesorado interino e substituto.

Novo calendario de mobilizacións da Plataforma

A protesta deste venres enmárcase no novo calendario de mobilizacións acordado pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público (da que forma parte a CIG) para denunciar os recortes cos que se inicia o curso 2012-2013, que cualifican como “un dos peores inicios de curso de todos os tempos cunha redución de máis de 1.000 postos de traballo e a supresión de 132 unidades e 12 centros escolares”.

Para denunciar a política de recortes contra o Ensino Público da Consellaría de Educación, uns recortes que van ter unha incidencia especialmente negativa neste curso escolar, a Plataforma Galega acordou levar a cabo varias mobilizacións:

- 12 de setembro, día en que se inicia a actividade lectiva en Infantil e Primaria. A Plataforma apoiará a mobilización organizada pola Plataforma pola defensa da Montaña e do Rural que sairá, ás 12 da mañá, da Praza do Obradoiro até San Caetano para denunciar a supresión de unidades, centros e profesorado nos centros educativos do rural e no ensino público en xeral.

- 17 de setembro, día en que se inicia a actividade lectiva en Secundaria. A Plataforma Galega realizará unha concentración diante da Consellaría.

cig.prensa@galizacig.com