Nin as reiteradas mobilizacións nin a investigación aberta pola Inspección de Traballo a raíz das denuncias dos traballadores e traballadoras teñen movido ás empresas concesionarias dos servizos de limpeza dos centros adscritos ao CHUAC das súas posicións, e de feito, a día de hoxe o persoal continúa cobrando con atraso os seus salarios, as táboas salariais non están actualizadas e as nóminas aínda reflicten numerosos erros.
Diante desta situación, os traballadores e as traballadoras acordaron continuar co calendario de protestas iniciado o pasado 1 de decembro e na mañá deste venres levaron a cabo unha concentración ás portas do Centro de Especialidades de O Ventorrillo, do que Linorsa ten a contrata da limpeza. Ademais, Lois Soto, da Executiva da CIG-Servizos, adiantou que durante esta xornada os representantes do persoal van manter unha xuntanza coa Inspección de Traballo para achegar nova documentación que demostra as irregularidades cometidas polas empresas.
Soto sinalou que tamén se agarda que o vindeiro luns, 11 de xaneiro, a autoridade laboral presente, cando menos, o borrador da resolución da investigación que está a levar a cabo e adiantou que os traballadores/as non descartan incrementar o nivel das protestas se a situación non rexistra un avance nos vindeiros días.