Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 8/10/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

CIG-Metal de Vigo convoca folga parcial o 19 de outubro contra a represión polo xuizo contra 13 traballadores do Metal

Este macroxuizo xulga a trece detidos na folga do convenio do Metal do 2006, despois dunha brutal carga policial
A asemblea de delegados e delegadas do Metal da comarca de Vigo mantivo o xoves 8 de outubro unha xuntanza para analizar tanto a situación da negociación colectiva do convenio provincial do Metal da provincia de Pontevedra, como a celebración os próximos 19, 20 e 21 de outubro do macroxuízo contra 13 traballadores do sector, que foran detidos na folga do 2006 despois da brutal carga na estación de Renfe. Esta asemblea decidiu convocar folga parcial nas empresas afectadas pola negociación do convenio provincial para o luns 19 de outubro na comarca de Vigo, asi como concentración de delegados e delegadas de toda a provincia da CIG para as dúas xornadas seguintes do xuízo.

O xoves 8 de outubro desde as dez e media da mañá tiña lugar no Salón de Actos do local sindical da CIG unha nova asemblea de delegados e delegadas da CIG do Metal da comarca de Vigo.

Negociación do convenio

Nesta xuntanza informabase sobre a situación da negociación colectiva do convenio provincial do Metal de Pontevedra, na que desde a volta de vacacións só houbo unha xuntanza, sen avanzos.O propio xoves 8 de outubro ás cinco da tarde terá lugar unha nova reunión entre patronal, mediadores e centrais sindicais, mais desde a CIG se demanda que se active este proceso negociador con máis forza, e que haxa novas propostas que melloren sustancialmente a última proposta realizada antes do verán.

Macroxuizo o 19, 20 e 21 de outubro

Tamén se abordou nesta asemblea que tipo de resposta habia que dar ao proceso xudicial aberto contra 13 traballadores do sector que no 2006 participaron da folga polo convenio do Metal, e que despois dunha brutal carga desde a estación de Renfe foran detidos. Para varios destes compañeiros a Fiscalia solicita penas superiores aos tres anos e medio de cárcere, asi como multas superiores aos 150.000 euros.

O xuízo contra estes compañeiros terá lugar o 19, 20 e 21 no Xulgado de Vigo, e sobre este tema a CIG xa editou e repartiu no sector unha folla informativa, na que se analizaba esta cuestión entre outras como as sancións administrativas pola última folga ou o conflito pola contratación no naval.

Folga parcial o 19 en Vigo

Asi, nesta asemblea decidiuse convocar folga parcial na comarca de Vigo para o 19 de outubro de 9 a 14 no sector naval, no resto de sectores de 9 ás cinco horas seguintes, e a xente que traballe na quenda de tarde serán as primeiras cinco horas.

Tanto o 20 como o 21 haberá unha concentración de delegados e delegadas da CIG de toda a provincia e de todas as federacións fronte aos xulgados, para continuar a transmitir o calor e a solidariedade da central sindical con estes compañeiros que van ser xulgados.

Esta proposta aprobada pola asemblea de delegados e delegadas do Metal da CIG de Vigo será trasladada ás centrais sindicais UGT e CCOO, para que se somen a esta convocatoria.

A necesidade de dar unha resposta a esta nova tentativa de criminalización do movemento obreiro, asi como a paralise da negociación do convenio e a precariedade no sector son os eixos centrais desta convocatoria de folga. Repartiranse follas informativas, e realizarase toda unha campaña de asembleas, información e sensibilización sobre a celebración deste xuizo.

Campaña de solidariedade

Por último, lembrouse que están á venda camisolas, puchos e bonos axuda para recadar fondos para facer fronte ás multas e colaborar coa recollida de fondos en solidariedade coa loita polo convenio provincial do Metal. 

cig.prensa@galizacig.com