Dende o comité de empresa do servizo municipal de abastecemento e saneamento de auga de Vigo critican o inmobilismo da empresa tras seis meses de negociacións para renovar o convenio colectivo e denuncian que a dirección pretende eliminar moitos dos dereitos adquiridos polos traballadores/as, tanto a nivel salarial como social. “Mandaron un asesor de Madrid que pretende desmantelar o convenio e reducir o cadro de persoal centralizando servizos fóra de Galiza”, censura o delegado da CIG no comité.
Ao mesmo tempo, a compañía reduciu o cadro de persoal nun 25% dende que o alcalde, Abel Caballero, decidira a finais do ano pasado prorrogarlles a concesión por cinco anos (expiraba en 2015). O secretario comarcal da CIG de Vigo, Serafín Otero, que participou na protesta en solidariedade cos afectados/as, lembrou que o rexedor asegurara que ía velar porque as concesionarias municipais mantivesen o emprego e respectasen as condicións laborais dos traballadores/as.
O responsábel da central nacionalista na comarca criticou a pasividade do Goberno local do PSOE á hora de evitar que a empresa empeore as condicións laborais “aplicando duramente a reforma laboral do PP” e reclamou o mantemento de todos os postos de traballo.
A protesta, que se desenvolveu de 10.00 a 11.00 horas, forma parte dun calendario de mobilizacións acordado polo comité que inclúe concentracións diante da empresa un día si e outro non.