marco
A Coruña, 8/2/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG rexeita as medidas propostas polo Goberno estatal para a reforma do mercado laboral

O Executivo continúa apostando polas vellas políticas neoliberais destinadas a facilitar e abaratar o despedimento
Á espera de coñecer con maior concreción as propostas do Goberno estatal nas Mesas do Diálogo Social, a CIG avalía de xeito negativo as iniciativas anunciadas polo presidente Rodríguez Zapatero, a respecto da reforma laboral, que, novamente, van no camiño de transmitir ao conxunto da cidadanía que a saída á crise depende de introducir modificacións nunha normativa laboral cuxa suposta rixidez motivou esta crise. Para a CIG resulta criticábel que as propostas (aínda non totalmente explicitadas) poidan estar encamiñadas a facilitar e abaratar o despedimento, introducindo modificacións no modelo de contrato de fomento da contratación indefinida, que reducirían a indemnización por despedimento de 45 a 33 días por ano traballado e incluirían a posibilidade de achegar subvencións ás empresas para facilitar o despedimento.

Moi ao contrario, esta  crise veu provocada pola fomento por parte dos Gobernos, incluído o español, dun modelo económico baseado na especulación, cun descontrol calculado e consentido do sector financeiro e instaurando políticas de moderación salarial que teñen propiciado a caída da capacidade de consumo e o endebedamento da clase traballadora.

Para a CIG resulta criticábel que as propostas (aínda non totalmente explicitadas) poidan estar encamiñadas a facilitar e abaratar o despedimento, introducindo modificacións no modelo de contrato de fomento da contratación indefinida, que reducirían a indemnización por despedimento de 45 a 33 días por ano traballado e incluirían a posibilidade de achegar subvencións ás empresas para facilitar o despedimento.

O Goberno de Zapatero continúa sen presentar alternativas para modificar as políticas que nos levaron á esta situación de crise: non se contemplan medidas para  controlar os movementos especulativos do capital, non se suprimen os paraísos fiscais, non se incrementan as retribucións dos traballadores/as, non se avanza nas políticas fiscais progresivas que equilibren os impostos directos e indirectos e que incrementen significativamente os gravames ao capital e ás rendas máis altas, non se establecen as bases para crear unha banca pública, non se combate a fraude fiscal, etc.

É dicir, o Goberno segue sen propor e adoptar medidas básicas para romper e controlar este modelo económico especulativo, reorientar os recursos cara ao sector produtivo e favorecer a capacidade de consumo (que permitiría a reactivación económica). Diante deste panorama, a CIG rexeita unha reforma a través da que se quere culpabilizar aos traballadores e traballadoras da crise económica, precarizando e  recortando os dereitos laborais, na liña das vellas políticas neoliberais.

De igual xeito, a CIG agarda que o Goberno estatal retire a proposta de incrementar a idade de xubilación até os 67 anos. O mantemento do sistema público de pensións non pasa por aumentar os anos de traballo, senón que queda garantido desenvolvendo medidas económicas que fomenten o emprego, facilitando a entrada no mundo laboral da xente máis nova, e garantindo un reparto xusto da riqueza.