A Sección Sindical de CIG-Saúde vén de chamar a atención sobre unha circunstancia acaecida ao longo da semana pasada no centro de saúde da Milagrosa, en Lugo. O ascensor deste centro avariouse e permaneceu neste estado até as 11:00horas deste luns debido a problemas no motor, segundo confirmaron dende a xerencia de primaria. Tal situación motivou que os usuarios e usuarias con dificultades de mobilidade tiveran que transportarse case arrastras polas escaleiras arriba até a consulta dos respectivos facultativos, ou ben estes tiveron que baixar á sala de urxencias se o/a doente non podía chegar até a súa consulta. Estes feitos producíronse sen que se recibise o apoio de ningún persoal extra.
Diante desta situación e tendo en conta que, unha vez trasladados ao Hospital novo, o Sistema Sanitario Público vai dispoñer dun número importante de edificios que permitirán a instalación de novos servizos sanitarios, “non estaría demais que se acordaran do mal estado no que se atopa este centro de saúde, que se sitúa nun edificio antigo, cunha estrutura inadecuada para os fins que cumpre, con escaleiras estreitas e empinadas e cuns sistemas de seguridade de dubidosa efectividade”, sinalan dende a CIG-Saúde de Lugo.
Dende a Federación de Saúde apuntan ás necesidade de abordar unha remodelación urxente deste edificio, a maiores “da mera descarga de cartillas que segundo parece está prevista para cando as dependencias do Materno-Infantil queden libres”.