Desde xaneiro de 2008, vén medrando o número de parados rexistrados nas oficinas públicas de emprego. O incremento foi exponencial até xuño de 2009 onde, aínda aumentando os desempregados, o medre interanual comeza a ser inferior que no mes anterior, a pesar do que remata decembro cun 17,3% de parados máis que en decembro de 2008.
De medre anual, o incremento foi de 43.733 persoas, un 26,9% máis que parados rexistrados en 2008.
Comparación interanual
López Gromaz salienta que a comparación interanual é “demoledora, mes a mes con cada novo dato de parados publicado supuña un incremento sen precedentes con respecto ao mesmo mes do ano anterior, de feito, o mellor dato produciuse no último mes de 2009, e aínda así supuxo un aumento do 17,3% respecto a decembro de 2008”.
A economista da CIG explica que malia a evolución mensual manter máis ou menos a tendencia de anos anteriores “é na comparación con anos anteriores, é dicir, na evolución interanual onde se percibe claramente a rotura”.
Xa o ano 2008 rematar cun número de parados superior o de anos anteriores, pero “en 2009 a brecha medra desmesuradamente, en tan só un ano acadáronse valores históricos deste indicador”.
Malia este medre desmesurado, Galiza é unha das comunidades do estado español onde este indicador presenta un mellor comportamento e tan só Estremadura remata 2009 cun incremento de paro rexistrado inferior a Galiza. “Este resultado a priori positivo”, advirte López Gromaz, “pode ocultar unha faceta ben coñecida da economía galega: as crises tardan en chegar, son máis lentas ao principio, pero custa moito saír delas”.
De media no estado español, aumentou o desemprego un 25% en decembro de 2009 con respecto ao mesmo mes do ano anterior, fronte a un 47,1% que medrara en 2008, o que supón un incremento 21,6 puntos inferior.
En Galiza medrou menos o desemprego, 17,3 fronte 22,6% no ano anterior, pero tan só 5,3 puntos menos. “Minorouse a caída pero a recuperación é moito máis lenta”, conclúe a economista, quen engade que, de feito, “a evolución mensual mostra este feito máis claramente, durante 2008 e até o último trimestre de 2009, a variación mensual é favorable a Galiza, a partir de aquí, xa non”.
Análise por sectores
A maior parte dos desempregados/as a busca de emprego en Galiza, están inscritos nalgunha actividade relacionada co sector Servizos, concretamente o 54,6%. Industria e Construción están moi parellas, aínda que despois da debacle da construción, no ano 2009 supera ao sector industrial en paro rexistrado.
Industria
A mediados de 2008 comezara un incremento exponencial do paro neste sector, que continuou até o mes de maio de 2009, a partir do cal o paro segue medrando en termos interanuais, pero xa a un ritmo menor que nos meses anteriores. “En tan só un ano volvéronse acadar cifras que facía un lustro que non atopabamos nas estatísticas laborais”.
Comparando a evolución mensual, no último ano entre o estado español e Galiza constátase que até o mes de abril medra o desemprego neste sector tanto en Galiza como no estado español, pero máis na media estatal; de abril a agosto descende pero máis en Galiza que na media do estado, e no último trimestre do ano medra moito máis aquí que no resto do estado, ademais a brecha medra a medida que pasan os meses.
Construción
A cifra máis alta de demandantes de emprego rexistrados neste sector acadouse no mes de decembro, con 36.190 parados e agás un breve respiro nos meses estivais, que se corresponderon coa posta en marcha do Plan E, houbo meses onde o incremento interanual de parados superou o 80%.
Natividade López Gromaz lembra que en xaneiro de 1997, ano do comezo do boom da construción, as oficinas de emprego tiñan rexistrado en torno aos 29.000 parados neste sector. Comezou aquí unha forte expansión do sector, especialmente obra civil, que chegou a reducir á metade estas cifras de desemprego. O mellor ano en Galiza foi o 2007, onde a combinación de obra pública con obra civil situou o nivel de desemprego medio neste sector en torno aos 15.000 parados. Pero xa a finais do mesmo detectáronse signos preocupantes: por unha banda a caída de desemprego interanual comeza a minguar e, pola outra, a nivel estatal xa se está destruíndo emprego.
“No ano 2008, comezou a destrución de emprego, e en tan só dous anos estamos en peores parámetros que hai 12 anos, antes do ciclo expansivo”.
Servizos
En termos absolutos é o sector con máis persoas a procura de emprego, 121.635 a finais de 2009, un 18,1% máis que en decembro de 2008. No que atinxe á evolución continúa sendo preocupante. Malia minorarse o incremento de parados no terceiro trimestre do ano, 2009 remata cun 18% máis de parados que no mesmo mes do ano anterior, onde máis medra o desemprego despois da construción.
Na comparativa mensual, o sector servizos segue unha traxectoria semellante ao de construción. No último trimestre aumentan moito máis os parados rexistrados en Galiza pero no último mes tende a igualarse. Diante destes datos, Natividade López Gromaz afirma que comparativamente, o sector que está en peor situación en Galiza é o Industrial. “De feito, o último mes é o que marca a diferenza con respecto á media do estado, xa que mentres nos outros dous (Construción e Servizos) a tendencia aproxímase, no caso da Industria a brecha medra fortemente e leva a que a media galega tamén medre”.
Para a economista da CIG “isto confirma o que desde a CIG viñamos afirmando, que a crise en Galiza está afectando en maior medida o sector industrial, tal e como o constatan, asemade, as taxas de evolución do PIB”.
Segundo nivel de estudos
O paro afectou a todos os colectivos, aínda que en termos relativos son os de formación profesional e titulados universitarios os máis prexudicados. Porén, en termos absolutos, son os de menor formación regrada os máis afectados. Sobre o total de parados, o 37,7% non dispón de formación algunha. Se a isto engadimos os que só teñen o ensino obrigatorio, o 69% dos parados en Galiza non teñen formación específica.
Segundo idade
O descenso do emprego afecta a todos os grupos, independentemente do sexo, dade, profesión... aínda que segundo os datos a maior incidencia correspóndese co colectivo de idade intermedia (entre 30 e 44), que a finais de 2009 superaban, en valores absolutos, os maiores de 44 anos, que sempre foi o colectivo maior. López Gromaz entende que esta situación débese a que foi precisamente este colectivo o que se incorporou maioritariamente ao mercado de traballo no período alcista da economía, aínda que matiza que “o paro medrou en todas as idades”.
Segundo sexo
Igual que ocorreu en 2008, o aumento do paro no 2009 afectou máis aos homes que as mulleres, un 23,2% fronte o 12,7%. Analizando desde o ano anterior á chegada da crise, 2007, entre os homes aumentou un 75% mentres que entre as mulleres un 25%. Unha situación que se explica polo feito de que a crise afectou fundamentalmente a sectores máis masculinizados: construción e industria. Porén, nos últimos meses do ano, cando o sector servizos xa se viu máis afectado, o desemprego feminino tamén aumentou de maneira importante.
Por provincias
Pontevedra e A Coruña, con maior poboación e maior desenvolvemento económico, soportan o maior número de persoas na procura de emprego. No ano 2009, xunto con Lugo, estas provincias incrementaron o número de parados na mesma proporción. Porén, se no cálculo se inclúen os dous últimos anos, na provincia de Pontevedra medou o desemprego un 53% e na da Coruña un 43%.