Levantina foi adquirida hai escasamente 5 anos por dous grupos de capital risco, Impala e Chaterhouse, pasando a integrar no ano 2007, baixo a marca ‘Levantina’, a fábrica de O Porriño, que até a operación de compra era Graniter. De 200 traballadores que tiña Graniter en 2005, actualmente non chegan aos 150, procedendo nos últimos 18 meses ao despedimento duns 25 traballadores baixo diferentes fórmulas: baixas incentivadas, presións, despedimentos obxectivos improcedentes...
O Comité de Empresa denuncia que agora, a dirección da empresa radicada en Alacante, vén de dar un salto cualitativo coa pretensión de trasladar forzosamente a sete traballadores/as da administración “o que non é máis que outra tentativa de novos despedimentos de xeito encuberto”.
Informan ademais que nese grupo de sete persoas están 3 membros do Comité de Empresa (a totalidade da representación do persoal administrativo, 2 da CIG e 1 da UGT) e que alén diso, 2 desas persoas gozan de dereito de redución de xornada por coidado de fillos menores, a terceira candidata e suplente da lista da CIG e unha última traballadora con contrato eventual.
Levantina vén de sufrir importantes mobilizacións nos seus centros de traballo de Alacante en contra dun ERE que finalmente autoriza a empresa a extinguir preto de 200 contratos d e traballo, entre eles, 57 de persoal administrativo.
Até o de agora, no centro de traballo do Polígono da Granxa os “desencontros”, tal e como os define o Comité, tiveron como resultado diferentes xuízos que foron gañados polos traballadores/as, nos casos nos que a dirección intentou absorber e mesmo eliminar conceptos salariais pactados entre a anterior dirección e a representación do persoal.
Desde o Comité de Empresa salientan que o sector da pedra está a pasar por dificultades, logo da caída do sector da construción, aínda que o Plan E teña axudado a freala. Porén, no caso de Levantina sinalan que hai circunstancias que agravan a posición desta empresa. “A operación de compra por 500 millóns de euros, financiada nunha altísima porcentaxe, xunto cunha xestión de dubidosa eficiencia, teñen colocado en serias dificultades a este grupo empresarial, que agora ameaza con medidas xeneralizadas de rescisión de contratos na fábrica de O Porriño”.
Inspección de Traballo
O Comité de Empresa xa puxo en coñecemento da Inspección de Traballo a intención da empresa de trasladar a estes sete traballadores/as a Alacante, por entender que a empresa “vulnera dereitos sindicais e discrimina por cuestións de maternidade”.
Por iso, acordaron comezar a desenvolver medidas de resposta á actitude da patronal, con concentracións ás 14:00 horas, coincidindo coa saída conxunta de persoal de produción e de administración.