Durante a fin de semana os traballadores e traballadoras de instalacións deportivas levaron a cabo numerosas mobilizacións por todo o País, para amosar á patronal que están dispostos a loitar duro na consecución dun convenio digno, con dereitos e que recolla verdadeiras melloras salariais e sociais. O sábado, os/as traballadores/as desenvolveron unha concentración na cidade de Pontevedra diante das instalacións de Pontemuíños para denunciar as presións exercidas aos empregados/as pola empresa concesionaria, co obxecto de obrigalos a manter abertas as piscinas.
Ao mesmo tempo, en A Coruña desenvolvíanse mobilizacións diante do pavillón de Sagrada Familia, onde tiña lugar o campionato de esgrima. Alí, o persoal equipouse con espadas de xoguete e levou a cabo o seu propio campionato paralelo. Pola súa banda, o tirador de esgrima Nacho Rodríguez, que participaba na competición oficial, amosou o seu apoio ás reivindicacións dos traballadores/as pondo tamén unha camiseta na que se reclama un "convenio xa!".
O domingo, o deporte convertíase no rei da xornada cun partido de fútbol entre “explotados” e “explotadores”, que tivo lugar na Praza de María Pita, e no que os “explotadores” puxeron a proba todas as súas artimañas e trampas para enganar aos “explotados”. Coa protesta, os/as folguistas querían denunciar o inmobilismo da patronal, que continúa negándose a retomar as negociacións.
As empresas contratan persoal para abrir as instalacións
O luns pola mañá, os traballadores/as de A Coruña tiñan convocada unha concentración diante do Concello, onde tiña lugar unha Comisión municipal. Durante a protesta, o persoal tivo coñecemento de que moitas das instalacións estaban abrindo, a pesar de que os traballadores/as estaban secundando a folga, con operarios/as que as empresas acababan de contratar ou prolongándolle a xornada aos traballadores/as que non van aos paros.
Dende a CIG-Servizos denunciouse esta situación de xeito inmediato na Inspección de Traballo, para que levantasen acta e tomasen as medidas oportunas diante desta clarísima vulneración do dereito á folga.
Reunión con Losada
Coincidindo coa protesta, os representantes dos traballadores/as mantiveron unha inesperada xuntanza co alcalde de A Coruña, que parou para interesarse pola situación do conflito xusto antes de entrar ao Concello. Xavier Losada comprometeuse cos traballadores/as a falar novamente co concelleiro de Deportes, co obxecto de buscar un achegamento coa patronal e instar a Axidega a sentar a negociar.
Ao remate da breve xuntanza, os traballadores/as abandonaron a concentración para comprobar a situación das instalacións e comprobar cales estaban abertas de xeito ilegal.