O que comezou cunha ducia de persoas, hai case 40 anos, evoluíu progresivamente cara unha Conferencia de ámbito europeo coa pretensión de impulsar e coordinar esforzos nos apoios políticos, sociais e humanitarios ao Pobo Saharuí. De aí, o nome co que se coñece a esta conferencia anual: EUCOCO – European Coordinating Conference. Aínda conservando o nome EUCOCO, a Conferencia está a ter na actualidade un marcado carácter mundial polas paulatinas e crecentes incorporacións de grupos de apoio procedentes de África, Asia e América.
Traballando en Plenario e comisións, as numerosas delegacións asistentes adscribíronse a algunha das 16 subáreas que compuñan 5 os grupos de traballo: Política (comunicación, cidades irmandadas), Territorios ocupados (dereitos humanos, recursos naturais, xuristas), Cooperación (saúde, axuda alimentaria, acción humanitaria), Solidariedade e movementos sociais (muller, mocidade, deporte, sindicatos) e Cultura (Educación, formación, patrimonio).
O 37 EUCOCO contou coa presenza do Presidente da RASD e numerosos responsábeis de alto nivel do goberno, da administración e das organizacións sindicais, sociais e culturais saharauís. Por parte europea compre destacar a presenza de varios membros do Europarlamento, Ana Miranda do BNG entre eles.
COMUNICADO DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS PARTICIPANTES NO EUCOCO 2012: 37ª CONFERENCIA INTERNACIONAL DE COORDINACIÓN E SOLIDARIEDADE CO POBO SAHARAUI
Sevilla, 4 de febreiro de 2012
As organizacións sindicais asinantes da presente declaración, participantes na 37ª Conferencia de Coordinación e Solidariedade co Pobo Saharauí, reunida na cidade de Sevilla, Estado español, os días 3, 4 e 5 de febreiro de 2012, facemos pública a nosa posición e denuncia ante a situación no Sahara Occidental.
As organizacións sindicais presentes acompañan desde hai moitos anos a difícil situación do pobo saharauí a través de múltiples presenzas, visitas e misións sindicais e humanitarias aos territorios ocupados e aos campamentos de refuxiados. Iniciativas que permitiron constatar a flagrante ilegalidade da ocupación marroquí, así como as consecuencias dramáticas desta ocupación nas condicións de vida, traballo e saúde da poboación saharauí.
Por todo o anterior, os sindicatos asinantes:
1) Condenamos enerxicamente o secuestro nos campamentos dos refuxiados saharauís de tres cooperantes europeos, Ainhoa Fernández e Enric Gonyalons do estado español, e Rosella Urru de Italia, que supón un ataque ao pobo saharauí e á solidariedade internacional e esiximos a súa inmediata liberación.
2) Condenamos enerxicamente o asasinato de Said Dambar que un ano despois da súa morte continúa na “morgue” pola negativa do goberno marroquí a facilitar a autopsia que podería demostrar que foi asasinado polas forzas de ocupación marroquís
3) Manifestamos o noso apoio e solidariedade cos traballadores saharauís e denunciamos a política marroquí de discriminación cara a estes nos territorios ocupados (contra os despedimentos, igualdade e non discriminación no traballo, todas ás liberdades sindicais, incluído o dereito á folga, dereito á xubilación, etc.).
4) Manifestamos o noso apoio e solidariedade cos ex-traballadores de Fos Bou-Craa e coas súas xustas demandas e reivindicacións, loita na que veñen sendo acompañados polas organizacións sindicais saharauís.
5) Solidarizámonos coa xusta loita do Pobo Saharauí polos seus dereitos sociais e políticos, a súa liberdade e autodeterminación, e apoiamos a intifada pacífica que veñen levando a cabo na defensa destes dereitos.
6) Condenamos a actuación do Reino de Marrocos e das súas forzas de ocupación, que responden coa represión e a forza ás manifestacións pacíficas do Pobo Saharauí.
7) Esiximos a liberación de todos os presos e presas políticos encarcerados nas cárceres marroquís, así como poñer fin á práctica das desaparicións forzadas de militantes saharauís.
8) Esiximos que as autoridades marroquís abran as fronteiras dos territorios ocupados para permitir a libre entrada e circulación de todos os sindicalistas, xornalistas, observadores e organizacións internacionais, para que poidan tomar contacto directo cunha realidade aínda descoñecida para moitos, especialmente no que atinxe á violación dos máis elementais dereitos humanos.
9) Denunciamos a complicidade dos gobernos europeos pola súa inhibición ante o goberno marroquí que se nega a aplicar as resolucións de Nacións Unidas. Denunciamos especialmente o veto de Francia non Consello de Seguridade da ONU.
10) Esiximos ao Goberno Español que asuma as súas responsabilidades, derivadas da lexislación internacional ao ser a potencia administradora do Sahara Occidental neste proceso de descolonización inconclusa, e que esixa ao Reino de Marrocos o cesamento das hostilidades contra a poboación saharauí e o cumprimento da legalidade internacional e das Resolucións de Nacións Unidas
11) Esiximos á Unión Europea que cese na consideración como socio preferente ao Reino de Marrocos, e que condicione calquera tipo de acordo á observancia dos dereitos humanos e ao cumprimento das resolucións da ONU e que non se renoven nin asinen acordos comerciais (pesqueiros e agrícolas) co reino de Marrocos que supoñen a espoliación dos recursos naturais do Sahara Occidental a cuxa poboación unicamente pertencen.
12) Esiximos que a misión de Nacións Unidas para o Sahara Occidental (MINURSO) asuma entre as súas funcións a vixilancia do respecto aos dereitos humanos en todo o territorio do Sahara Occidental.
13) Esiximos das Nacións Unidas a posta en práctica inmediata das medidas necesarias para que o Pobo Saharauí poida expresarse no referendo de autodeterminación bloqueado por Marrocos.
ACORDAMOS E COMPROMETÉMONOS:
1) A continuar fomentando o envío de delegacións sindicais aos territorios ocupados.
2) A propoñer a realización da "6ª Conferencia Sindical de Solidariedade cos traballadores e traballadoras Saharauís", nos campamentos de refuxiados simultaneamente aos traballos do próximo congreso de UGTSARIO.
3) A favorecer a presenza da organización sindical UGTSARIO nas Conferencias e Congresos sindicais nacionais e internacionais e buscar unha maior sensibilización e implicación da Confederación Sindical Internacional (CSI) e a Confederación Europea de Sindicatos (CES) na defensa das reivindicacións relacionadas co Sahara Occidental.
4) A fomentar a visibilidade da causa saharauí nas nosas organizacións, entre os nosos afiliados e afiliadas, e nas nosas sociedades, contribuíndo á difusión de materiais.
5) A traballar por organizar unha reunión con representantes dos diferentes grupos do Parlamento Europeo para realizar unha iniciativa de solidariedade e apoio ao Pobo Saharauí, que inclúa o rexeitamento aos acordos comerciais, de pesca ou agrícolas, con Marrocos sobre territorios ou augas ocupados ilegalmente, e que comprometa á Unión Europea no conflito do Sahara e no respecto ás Resolucións de Nacións Unidas.
6) A continuar traballando na reclamación dos dereitos xerados polos traballadores e as traballadoras nas empresas españolas durante o período da colonia.
Sevilla, 4 de febreiro de 2012
Organizacións sindicais que subscribimos esta declaración:
CCOO. Estado español
CGIL. Italia
CGT. Francia
CGTP/IN. Portugal
CIG. Galiza
Confederación Intersindical. Estado español.
UGT. Estado español
UGTSARIO. Sahara Occidental