A Secretaría da Muller da CIG denunciou en rolda de prensa , as presións ás que día a día se ven sometidas as mulleres limitando ou imposibilitando o dereito ao exercicio da conciliación da vida familiar, persoal e laboral, denegando incluso reducións de xornada, permisos relacionados coa maternidade, protección do embarazo e a lactación, etc.
Margarida Corral Sánchez, secretaria confederal de Muller e Mocidade da CIG manifestou ademais a repulsa da central sindical “ante as continuadas deslocalizacións de empresas que conlevan que levan consigo os despedimentos de centos de mulleres no noso país, tanto no sector do téxtil, como no telemarqueting, ou no comercio da alimentación”.
Alén diso, deslexitimou a división sexual do traballo, e apostou por “un modelo de sociedade formado por persoas sustentadoras/coidadoras en igualdade, ao que deben ir orientadas as políticas públicas, e non ao actual modelo que obriga as mulleres a volveren ao fogar a ocuparse do coidado de familiares dependentes, ou ben a reducir a súa xornada para compatibilizala co coidado”.
Xunto a isto, Corral Sánchez, reivindicou o “dereito á sexualidade, ao control do propio corpo e a decidir libremente sobre a maternidade. E que se garanta que o exercizo desta non vai conlevar efectos negativos ao incorporarse ao posto de traballo”.
Desde a CIG enténdese, segundo explicou a secretaria confederal de Muller, que a crise económica non se pode empregar máis como escusa para reducir postos de traballo, e para non desenvolver as medidas de igualdade adoptadas para frear a discriminación laboral e favorecer a conciliación. Por iso afirmou que “non imos permitir que se instale tamén o medo no noso traballo e posterguemos calquera actuación que non teña como fin manter o emprego, polo que as mulleres e os homes que formamos parte desta organización, seguiremos a demandar a aplicación de medidas de igualdade adoptadas para rematar coa discriminación laboral e favorecer a conciliación, aínda en tempos de crise”.
Na rolda de prensa, tamén se presentou o informe elaborado polo Gabinete Técnico de Economía da CIG, no que se analiza a evolución do emprego feminino nos últimos anos e como lle está a afectar a crise económica.
No traballo, elaborado pola responsábel do gabinete, a economista Natividade López Gromaz, alértase de que alén da crise económica, a contratación feminina enfróntase a un perigo engadido, que é a práctica desaparición nos orzamentos da Xunta, para o 2010 dos Plans de Conciliación da vida laboral e persoal -reduciuse nun 83%- e o de igualdade, protección e promoción da muller, que se reduce nun 89%. “A redución é de tal magnitude que debería ter incidencia importante na situación laboral das mulleres, aínda que, tamén é certo, ao estar inmersos nunha situación de crise, vai ser difícil discernir que se debe a un factor ou a outro”.
Modalidades de contratación
O 51,2% dos contratos foron rexistrados por homes e o 48,8% por mulleres. Dos datos tírase que proporcionalmente as mulleres asinaron máis contratos baixo algunha das modalidades de duración temporal que os homes. O contrato que máis abunda é o eventual por circunstancias de produción mentres que no caso dos homes é por obra ou servizo determinado.
Alén diso, existen modalidades de contratación claramente feminizadas, como a de interinidade e, entre os contratos de duración indefinida, só predominan entre as mulleres os acollidos a algunha medida de fomento de emprego.
As diferenzas salariais e o teito de cristal
De media as traballadoras galegas perciben uns salarios en torno ao 74,5% dos dos homes. López Gromaz explica que “son moitas as razóns polas que persiste esta desigualdade, que desde logo non é a formación. Se esta fose determinante, as mulleres galegas gañarían máis que os homes, xa que os niveis de formación son superiores”.
De feito, un 40,7% das mulleres traballadoras galegas ten estudos superiores fronte o 30,12% dos homes. Porén, a maior formación, maior desigualdade. López Gromaz sinala que estes datos ilustran claramente o famoso ‘teito de cristal’, aspecto no que tamén insistiu a secretaria confederal de Muller porque “as ocupacións con maior responsabilidade seguen sendo cubertas maioritariamente por homes”.
Concentración na sede da patronal en A Coruña
Con motivo da celebración do Día Internacional da Muller Traballadora, un centenar de delegadas e delegados da CIG de A Coruña concentráronse esta mañá diante da sede da Confederación de Empresarios e da delegación da Xunta, onde entregaron un escrito para denunciar a situación de precariedade que están a sufrir diariamente as mulleres na comarca, agravada neste contexto de crise, así como demandar a aplicación de medidas de igualdade que poñan remate á discriminación laboral e favorezan a conciliación.
No escrito, dirixido ao presidente da CEC, Antonio Fontenla, e á Conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, sublíñase a loita que viñeron desenvolvendo no último ano as traballadoras do téxtil (lémbrese o caso de Caramelo), encabezando todo tipo de mobilizacións na cidade de A Coruña. Nun ano, ademais, no que a patronal se escudou na situación de crise socioeconómica “para levar a cabo innumerábeis Expedientes de Regulación de Emprego, coa complicidade do goberno da Xunta, un ano no que se precarizaron aínda máis as condicións nas que as mulleres desenvolven o seu traballo, onde moitas foron presionadas para forzalas a abandonar os seus postos, creando ambientes de traballo degradantes, intimidatorios e hostís, en moitos casos en castigo por facer exercicio do dereito á conciliación da vida familiar, persoal e laboral, por querer protexer a maternidade sen que sexa á costa de perder o posto de traballo, ou por ser a cabeza visíbel dunha loita sindical”.
Previamente á concentración, a Secretaria Comarcal de Muller, Ana Fernández, comparecía en rolda de prensa, acompañada pola técnica da Secretaría da Muller da CIG, Sayaca Doldán, para presentar a campaña que a central está a desenvolver con motivo da conmemoración do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller Traballadora. Fernández Faia subliñou as especificidades do mercado laboral co que se atopan as mulleres traballadoras da comarca, onde o sector téxtil e do telemárketing, marcadamente feminizados, viñeron rexistrando unha continuada destrución de empregos, especialmente pola deslocalización das empresas. “Empresas como Sykes, que anuncia o despedimento de 450 persoas, Mafecco, Kina Fernández, son exemplos da precarización nas condicións laborais das mulleres na comarca da Coruña”, sinalou.
A CIG concéntrase en Compostela en demanda da readmisión de Nélida Pisco
En Compostela, a concentración centrábase, fundamentalmente, na denuncia do caso da compañeira Nélida Pisco, conductora de autobús na empresa HEDEGASA (Autobuses de Calo) que tras sufrir case un ano de acoso laboral foi despedida polo grave delicto de ser nai e querer compatibilizar o seu traballo co coidado da súa filla.
Un ano no que tras negarse a abandonar “voluntariamente” o seu traballo sufriu discriminación laboral, presións inxustificábeis e represalias de todo tipo. Tivo que exixir nos xulgados a redución de xornada á que lle dá dereito a lei. Unha sentenza que a empresa nunca cumpriu manténdoa sen traballo efectivo, permanecendo no seu coche particular durante a xornada laboral, para derrotala animicamente. Finalmente, tal e como se explicou no propio acto,"non o conseguiron, pola forza que ten Neli na defensa da xustiza para ela e para a súa filla, e decidiron despedila".
Por iso, alén de denunciar este caso, Lucía Freire, encargada de ler o manifesto co que se pechou o acto preguntou "de que serven entón normas como a Lei de Igualdade efectiva entre Mulleres e Homes se non se garante a súa aplicación real nas empresas? De que parte está a Xunta de Galiza se mira para outro lado nun caso como este? Lembremos que hai máis dun mes que se lle ten solicitado unha reunión para explicarlles a situación desta empresa que traballa para o trasporte escolar en Teo e Ames por un convenio coa Consellería de Educación".
Freire reafirmou ademais o compromiso da CIG na loita pola igualdade e manifestou que “como sempre, mesmo moito antes daquel 8 de marzo de 1908, os cambios e a mudanzas sociais conquistáronse nas rúas co compromiso de mulleres e homes que como Nélida fan visíbel a inxustiza. Somos moitas e moitos os que hoxe exiximos, máis unha vez, que o 8 de marzo non sexa unha data baleira senón unha escusa para lembrar que seguen existindo os motivos que fixeron necesario marcar este día no calendario”.