Durante a xornada cuestionouse a política sanitaria practicada dende o Goberno da xunta de Galiza, dirixido claramente cara a modelos de financiamento privado da Sanidade Pública (modelos PFI), seguindo o exemplo que comunidades como Madrid ou Valencia tomaron dos ingleses, “cando xa está demostrado que empeoran a calidade asistencial e que hai outras maneiras de facer que unha asistencia sanitaria de calidade sexa posible”.
O contexto político actual e como pode chegar a repercutir no hospital novo de Lugo é a principal preocupación da CIG-Saúde na provincia, polo que se acordou organizar esta xornada co obxecto de avaliar e dar a coñecer as consecuencias de levar adiante políticas privatizadoras no servizo público de saúde.
Na mesma participaron Manolo Moreira, médico responsábel da Agrupación Médica da CIG-Saúde (AGM) e Paco Vizoso, médico responsábel da Agm e xefe do servizo de medicina preventiva do CHOP, quen se encargaron de explicar os modelos PFI e os resultados das experiencias galegas a este respecto. Pola súa banda, a secretaria comarcal da Federación de Saúde, Carme Aira e o radiólogo do Hospital Xeral, Roberto Rei, abordaron a situación actual da sanidade en Lugo; mentres que Valentín Arias achegou unha visión desta cuestión dende as asociacións de veciños/as.
Despois das intervencións tivo lugar un coloquio, no cal os asistentes preguntaron aos poñentes sobre as súas inquedanzas sobre a privatización da sanidade, as motivacións, a repercusión sobre a poboación.. etc..