Nos últimos días viñéronse manténdose contactos telefónicos, a través do Consello Galego de Relacións Laborais, coa patronal para desbloquear o conflito, de cara a sentar as bases que permitan continúan a negociación do convenio. Nesta vía, durante as asembleas de traballadores/as do venres configurouse unha proposta de mínimos que, no caso de ser aceptada pola patronal e posta por escrito, permitirían suspender á folga. Suspensión que se faría hoxe mesmo se a reunión, prevista para as cinco desta tarde, entre a comisión de sindicatos e a de empresarios da os resultados esperados.
Neste senso, o Secretario de Organización da CIG-Servizos, Xosé Lois Martín, apuntaba que se durante a xuntanza “se chega a un acordo suspenderase a folga e continuarase negociando cun calendario fixado na propia reunión”.
Os mínimos esixidos para que esta suspensión se faga efectiva e as negociacións poidan chegar a bo porto, pasan porque a patronal acepte a táboa salarial proposta e garanta unha suba salarial para aqueles traballadores e traballadoras que xa están por riba dos mil euros, de entre o 30 e 50% do incremento salarial para o conxunto do persoal.
Mentres, prosegue a acampada de folguistas na Praza de Luís Seoane de A Coruña, á espera do resultado da reunión da tarde.