Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 8/3/2011
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG obtén a totalidade da representación sindical no teléfono de emerxencias 112

Os traballadores denunciaran presións e intentos de manipulación por parte da empresa
Nas eleccións sindicais celebradas o pasado 7 de marzo a candidatura da CIG resultou gañadora e formará en solitario no Comité de Empresa. Os 5 novos membros do Comité de Telemark Spain, S.L. -empresa que desde o mes de setembro ten a concesión da Xunta para a explotación do teléfono de emerxencias do 112 de Galiza- formaban parte dunha candidatura de 49 persoas nun centro de traballo de 83 traballadores e traballadoras.

Este gran número de candidatos foi provocado pola actitude agresiva da empresa e o seu intento de condicionar a calquera custo este proceso de eleccións sindicais. A CIG xa denunciara a manipulación das eleccións por incluír nos censos electorais a 10 persoas da estrutura e directivos da empresa -que prestan o seus servizos en León- cos que pretendían condicionar as candidaturas e o resultado das votacións.

Estas irregularidades provocaron unha impugnación por parte da CIG para que non se permitira participar a estas persoas, que finalmente foron excluídas nun laudo arbitral pola Consellería de Traballo, e a denuncia de varios traballadores e traballadoras contra a UGT e a empresa por presionarlles -empregando os teléfonos particulares que non lles facilitaran- para conformar unha candidatura desta central sindical.

A alta participación na candidatura e nas votacións supón unha nova mostra de forza e unidade dos traballadores e traballadoras nun conflito que se ten reiniciado coa chegada de Telemark  e a súa teima en recortar as condicións laborais pactadas durante anos coa empresa anterior.

O novo Comité de Empresa xa anunciou novas mobilizacións contra Telemark e contra a Administración se non se cumpren os acordos que garantían os seus salarios e as condicións laborais e sociais.

cig.prensa@galizacig.com